Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2010.- O PPdeG ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei para instar á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para solicitar unha reforma do Código Penal co fin de revisar e agravar as penas aos autores directos ou indirectos dos incendios forestais. Para a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, “é necesario reformar a lexislación e castigar máis severamente do que se fai actualmente aos despiadados que, con premeditación ou planificación, atentan contra o patrimonio natural e, en definitiva, contra toda a sociedade”.
A voceira popular recorda que o Código Penal distingue na actualidade entre incendios que poñen en risco a vida das persoas e aqueles que tan só afectan a bens materiais sendo de 10 a 20 anos a pena de prisión no primeiro caso e de 1 a 3 no segundo . “É necesario que estas marxes sexan aplicadas co máximo rigor e os tribunais impoñan medidas mais severas e que sexan exemplarizantes contra uns verdadeiros terroristas que atentan contra as vidas humanas ademais de contra o patrimonio natural e provocan grandes perdas económicas na nosa Comunidade” segundo Álvarez Chao.
A deputada popular recordou o acontecido este verán en Galicia “tanto en Laza, en Rede Natura, como en Fornelos, co saldo da vida de dúas persoas falecidas mentres cumprían coas súas obrigas laborais, como algo intolerable e unha lacra que é necesario combater de xeito mais firme xa dende os tribunais”.
INCREMENTAR OS RECURSOS.- Na iniciativa popular tamén se solicita incrementar os recursos para a prevención, loita e persecución dos delitos forestais. A voceira de Montes recordou que este verán o dispositivo especial de loita contra incendios forestais da Policía Autonómica incrementou nun 57% as patrullas para a prevención e na campaña se produxeron 25 detencións e resaltou que “é importante destacar que as actividades de prevención e persecución destes delitos ten un efecto real de diminución do número de lumes polo que é necesario incrementar os seus recursos”.