Lugo, a 22 de novembro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular asegura que José Ramón Gómez Besteiro leva disposto en gasto diversos nestes tres últimos anos 9.133.827,42 euros, que non se teñen sometido a ningún tipo de control político e que básicamente adicáronse a cubrir o custo da campaña de autopropaganda e autobombo do propio presidente da Deputación.
Os populares indican que este gasto desmesurado constata, unha vez máis, que Besteiro segue ó pe da letra o modelo Zapatero, que se caracteriza polo derroche e polo incremento, igualmente desmedido, da débeda. Unha débeda que, segundo lembran, ascende xa a 73 millóns de euros, polo que a Deputación atópase ó borde da súa capacidade máxima de endebedamento.
Salientan, ademais, que o abuso e o mal uso do crédito non serviu para xerar riqueza, nin para vertebrar a provincia, e menos aínda para poñer as bases que permitan a Lugo sair da crise, aínda que sexa cunhas garantías mínimas, posto que eses fondos non se adicaron a poñer en marcha novos parques empresariais, nin se apostou nin respaldou ós sectores productivos básicos. Como mostra, dende o GPPP fan referencia a que o respaldo económico ó sector pesqueiro por parte da Deputación queda reducido a pouco máis de 30.000 euros anuais.