Partido Popular de Lugo

NNXX lamenta a inconsciencia do BNG ante a visita papal que reforzará a Galicia como epicentro espiritual e turístico

Lugo, 4 de novembro de 2010.-  O presidente provincial de Novas Xeracións de Lugo, Daniel Vega, entende que dende o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Galiza Nova non se comparta a dimensión relixiosa da visita do Papa, porén pídelles que  “sexan conscientes da perspectiva histórica e cultural dunha visita que durante este Ano Santo engrandecerá o Xacobeo”. Vega fai estas declaracións en resposta as manifestacións vertidas en torno a visita de Benedito XVI por parte do vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, e a secretaria xeral de Galicia Nova, Iria Aboi.

Vega considera que a chegada de Benedito XVI “reforzará a Galicia como epicentro espiritual neste 2010 e destacará o seu atractivo como reclamo de turistas e peregrinos”.  Neste sentido, o presidente provincial precisa que dende o PPdeG “non se ligará a visita do Papa cunha visión mercantilista da relixión”, pero si destaca que a súa chegada “xerará riqueza nunha autonomía que ten no Xacobeo unha vía para paliar os efectos da crise”. 

Vega tamén precisa que “dende Novas Xeracións e dende o PPdeG consideramos que a visita do Papa é unha noticia que transcende máis aló de personalismos e de siglas políticas”. En calquera caso, segundo indica Vega “o único protagonista é o Santo Padre ao que temos que dar as grazas por vir a Compostela no Ano Santo xa que coa súa visita ratifica que Compostela é hoxe a capital do mundo”. 

En relación as declaracións de Antón Bao,  Daniel Vega asegura que “dende Novas Xeracións lamentamos que alguén que ten a grande responsabilidade de representar á Deputación de Lugo, na súa calidade de vicepresidente, e máximo responsable tamén na área de cultura, se preste a increpar ao Papa e á súa visita”. 

Así, o presidente provincial manifesta estar seguro de que as palabras de Bao “non representan á imensa maioría dos lucenses  e probablemente  tampouco ao conxunto do Goberno provincial”. 

NOITEBÚS.- No que respecta as continuas críticas que dende o BNG e Galiza Nova se verten contra a posible redución nas liñas do Noitebús, Daniel Vega volve a recordar que “dende Novas Xeracións entendemos que a Xunta priorice os servicios e pague os esenciais como son a dependencia, os comedores, o transporte escolar ou a sanidade”. Así mesmo, dende a xunta provincial queren deixar claro que, tal e como promulga o goberno de Feijóo, non se defende a supresión do Noitebús senón que “se procuren outras fórmulas de financiamento que permitan manter o servizo” como é que o custo do billete se rebaixe coa colaboración das asociacións e empresas de hostalería, coa achega dos propios estudantes ou que os propios concellos se fagan cargo do custe.

Dende Novas Xeracións de Lugo tamén aclaran que Galicia é a comunidade española coa oferta máis ampla de rutas de Noitebús –194–. Neste sentido Vega recorda que moitos destes servizos teñen un escaso número de usuarios,  polo que resulta “ilóxico” que a Xunta subvencione liñas de baixa demanda “cando en moitas zonas do rural lucense non existe transporte que cubran servizos como acudir ao médico ou desprazarse ao posto de traballo”.