Lugo, a 29 de outubro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular insiste na súa acusación de que o PSOE está a facer un uso partidista dos fondos económicos dos que dispón a Deputación. “Os socialistas, e nomeadamente José Ramón Gómez Besteiro, están a comprar vontades políticas cos cartos de todos”, recalcan. “Un exemplo claro”, din, “é o acontecido en Pol, onde se empregan 90.000 euros para que unha concelleira do BNG siga a respaldar ó goberno local en minoría do PSOE”.
Para José María González Barcia, voceiro adxunto dos populares na administración provincial, “canto máis afondamos neste proceso máis evidente resulta a intencionalidade política e uso partidista que o PSOE está a facer dos fondos públicos”.
Así, Barcia amosouse sorprendido da “extraordinaria dilixencia” coa que actuou o Concello de Pol e a Deputación para permutar a finca adquirida por Suplusa por 90.000 euros a Suministros Freire por outra de propiedade municipal e na que inicialmente estaba previsto construir o tanatorio.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación indicou que os mencionados trámites da permuta e a permuta efectiva fixéronse “nun tempo récord de tan só tres días: o 13 de abril o alcalde propuxo a Suplusa a permuta das fincas; o 14 de abril Suplusa informou que coincide na necesidade da permuta das fincas referidas e o 15 de abril escriturouse” e, ademais, “sen cumplir os preceptos que marca a normativa vixente, como se deriva dun informe da secretaria municipal de 20 de abril do presente ano”. Nel faise constar que non cumpre os trámites que establece a Lei de Patrimonio das Administracións Públicas, dado que, por exemplo, non conta coa memoria que xustifique a actuación nin tampouco hai tasación municipal.
Para José María González Barcia “resulta sospeitoso” que, en só mes e medio, o concello renunciara a construir o tanatorio na finca que tiña reservado para elo e que acometa as obras na adquirida por Suplusa, que actualmente e segundo a normativa vixente, segundo recalca, ten unha parte calificada como rústica e outra como urbana e que, en función do avance do plano xeral de ordenación municipal que se está a elaborar, quedará fóra da delimitación do núcelo urbano. “Non atopamos ningunha ventaxa derivada deste proceder para o concello nin para os veciños de Pol, agás para a empresa propietaria do solar permutado que gañou na operación 30.000 euros”, engadiu.