Santiago, 26 de outubro de 2010.- A votación do proxecto de lei de augas de Galicia celebrada hoxe no Pleno do Parlamento galego volveu pór de manifesto a vontade de negociación do Grupo Popular, que aceptou unha emenda do BNG pola que se aumenta ao 90% -partindo do 80% inicial- a bonificación no cánon para as traídas veciñais, emenda que se suma ás outras 22 aceptadas por consenso en comisión.
O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela, resalta que aceptación da devandita emenda dos nacionalistas demostra que “non hai afán recadatorio” no proxecto de lei e lamenta que PSOE e BNG manteñan a súa estratexia de “dicir a todo que non aínda que nós lles digamos que si a moitas das súas propostas”.
Daniel Varela insiste en que o obxectivo desta lei é cumprir coa directiva marco da auga da Unión Europea e fomentar o aforro da auga e o consumo responsable, evitando o seu despilfarro e constribuíndo a unha mellora do medio ambiente e ter unha auga de calidade. Obxectivo para o que se establece un canon que, de acordo coa directiva, permita a recuperación dos custes, non só dos servizos senón tamén dos ambientais, e que substituirá ao actual canon de saneamento.
Para o deputado popular, “con esta lei cumprimos coa normativa da UE, teremos unha administración con menos organismos e maior eficacia e contribuirá a ter auga de calidade en todos os fogares e nos nosos acuíferos, ríos e rías mediante a contribución de todos segundo o consumo realizado e a contaminación que produzamos”.