Partido Popular de Lugo

OS ORZAMENTOS DA XUNTA ACHEGAN UN INVESTIMENTO PARA OBRAS OU SERVIZOS DETERMINADOS NA MARIÑA LUCENSE PRETO DO 50% SUPERIOR QUE O CONTEMPLADO NO 2010

Ribadeo, 25 de outubro de 2010.-  “Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2011 achegan un investimento destinado a obras ou servizos na Mariña lucense preto dun 50% superior ao contemplado na actual anualidade”- este foi o principal dato ofrecido polos deputados populares Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao no transcurso da rolda de prensa celebrada no día de hoxe, e na que presentaron un amplo estudo ao respecto da incidencia que as contas autonómicas terán na nosa comarca. Os parlamentarios indicaron que A Mariña lucense “segue a gañar” co Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo e mostra disto –explican- “recibirá case 10 M€ máis ca no 2010 en investimento directo”.

Outro dato moi significativo ofrecido polos deputados do PPdeG é que, mentres que os orzamentos da Xunta a nivel global descenden considerablemente –un 9,7%- na Mariña a Xunta executa unha estratexia de discriminación positiva e reequilibro territorial que suporá que a cifra de investimento por habitante supere xa os 857 euros. Unha ratio que se obtén de dividir o investimento territorializado –uns 44,12 M€- por cada un dos veciños que forman parte do censo comarcal. “De feito, desde que o PP accedeu á responsabilidade de Goberno, o investimento na Mariña vén crecendo ano a ano consecutivamente”.

AS PRINCIPAIS ACHEGAS: CORREDOR E HOSPITAL.- Pero sen lugar a dúbidas, unha das cuestións que máis satisfacción supoñen para os populares é que se está a manter o esforzo inversor nas grandes infraestruturas que a administración autonómica executa na Mariña, así como tamén nos servizos máis salientables. De feito a Xunta investirá nos tramos lucenses do corredor 10,21 M€. No tocante ao Hospital da Costa, o centro manexará un orzamento global de 37 millóns de euros. A maiores desta cantidade recibirá tamén en investimentos directos medio millón de euros, para as obras de ampliación de servizos centrais, zona de urxencias e radioloxía (baixo o concepto de plans directores e outras actuacións) e para a adquisición das melloras tecnolóxicas en equipamentos e aparataxe de diagnose.

COMPARACIÓN CO ESTADO.- O dato tamén é positivo para a Xunta se o comparamos co comportamento que está a ter o Executivo de Zapatero, de feito mentres que o investimento autonómico arroxa cifras positivas, as contas do Estado, afectadas por enormes recortes parecen cebarse coa comarca e caen máis de 43 millóns de euros. O tixeirazo do Goberno central “é maior se temos en conta que o orzamento estatal do 2010 non foi practicamente executado”, xa que a mediados de ano Fomento adiantou o recorte das achegas na autovía do Cantábrico (os treitos da Mariña aínda hoxe están paralizados) e non investiu un só céntimo no treito estatal do corredor, “onde aínda se está á espera de resolver as alegacións sobre o seu trazado definitivo”.

AS CONSELLERÍAS NON ESQUECEN Á MARIÑA.- Xa no desglose das partidas orzamentarias da Xunta os populares salientaron que só a Consellería MATI achegará 24,31 M€, dos que unha grande maioría, case a metade, irán destinados ao corredor. Outras actuacións salientables son: o acceso ao Porto de Burela (que recibe 400.000 euros que se dividen en partes iguais entre Infraestruturas e Portos de Galicia), a reforma estrada Lu-862  (Viveiro-Vicedo-límite provincial) que recibirá 5,8 M€, a rehabilitación e mellora Lu-162 (Ferreira-Cangas) con 1,6 M€ ou a dotación de beirarrúas e pavimentado da Lu-152 (O Valadouro-Foz) que terá 757.071 euros de orzamento.

No ámbito das obras de saneamento e abastecemento de auga, a Xunta popular prevé achegar cartos para executar diversas actuacións, na mellora da traída de auga de Foz (1,16 M€), e na construción de diversas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR´s –Alfoz, Lourenzá, Cervo,…) e na reparación do emisario de augas residuais de Viveiro (2 M€) e no dragado do embalse de Lourenzá (case un millón de euros de investimento).

MAR E PORTOS DE GALICIA.- Outra das consellerías que máis consignacións efectúa nos orzamentos de 2011 é a do Mar, incluíndo os investimentos previstos por Portos de Galicia. Só o servizo de Gardacostas de Galicia, encargado da protección dos recursos, seguridade no mar e loita contra a contaminación manexará máis de 3,6 M€. Tamén os centros de investigación mariña de Viveiro e Ribadeo con 354.000 euros de investimento directo. Aínda que as partidas máis salientables son as que executará Portos de Galicia. Jose Manuel Balseiro dixo “que á luz dos datos, é máis que claro que o feito de que hoxe Portos de Galicia dependa de Mar, valeu para que multiplicase o seu investimento nos distintos peiraos lucenses”. Así por exemplo Portos de Galicia executará o dragado dos portos de Foz (Porto Chico, dársena interior e entrada), Celeiro e Ribadeo. Tamén investirá na mellora da operatividade nos peiraos interiores de Burela, acometerá o estudo de ampliación do Martillo, e a ampliación do peirao comercial nesta vila. En San Ciprián executará o estudo do proxecto de porto deportivo, en Morás (Xove) investirá nun novo dique de abrigo, no Vicedo se remodelará o pantalán e executará un edificio de servizos e en Viveiro. Ademais do explicado para Celeiro está previsto un estudo para crear un aparcamento soterrado nas instalacións do ente público autonómico.

BENESTAR, EDUCACIÓN E CULTURA.- O ámbito do benestar tamén aparece reflectido nos orzamentos da Xunta para A Mariña, así por exemplo se acometerá o estudo para a reforma da Casa do Mar de  O Vicedo (e destinala así a un centro de día), se abrirá a escola infantil de Alfoz e a vivenda comunitaria, se achegarán fondos para o centro de día residencial de San Ciprián e para a residencia de Viveiro. No ámbito educativo salientar os 395.020 euros para a ampliación do IES Gamallo Fierro e do pavillón do colexio de San Ciprián, actuación que no pasado foi recortada polo bipartito.

No ámbito cultural dúas obras destacan, segundo indicou a deputada Emma Álvarez, a recuperación do pazo de Tobar en Lourenzá e da Torre dos Moreno de Ribadeo. Tamén Presidencia achegará case 47 mil euros para as obras do parque de bombeiros de Viveiro, de tal xeito que poida rematarse e procederse á súa apertura na próxima anualidade.

MEDIO RURAL.- Medio Rural achegará un investimento directo de 118.904 euros a repartir entre o centro de formación agraria de Ribadeo (incluída a súa reforma), e diversos programas de planificación e ordenación forestal e de valoración, creación e diversificación de masas forestis, todas elas nos concellos de O Vicedo, Viveiro e Ourol. No ámbito da rede Natura, Medio Rural  executará algo máis de 93 mil euros a repartir entre Alfoz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo.

VIVENDA E SOLO INDUSTRIAL INCREMENTAN ORZAMENTO.- Finalmente dous departamentos autonómicos como son o Instituto Galego de Vivenda e Solo e Xestur, tamén prevén investir na Mariña. No caso tamén se executarán os proxectos construtivos para vivendas sociais en Trabada, Alfoz e Ourol. O investimento máis destacado no ámbito é o de Trabada onde a Xunta pretende construír 16 novas vivendas sociais.  

Pola súa contra Xestur investirá nos polígonos de Viveiro (5,9 M€), Valadouro-Alfoz (3,98 M€), Barreiros (1,34 m€), Foz (2,72 M€), Lourenzá (1,33 M€) e Cervo (1.32 M€). Contrario ao que quixeron facer crer desde o bipartito tamén crecen as axudas para a rehabilitación de zonas históricas, en Viveiro, Ribadeo, Lourenzá e Mondoñedo, que se repartirán 2,3 millóns de euros, 946.997 máis ca no 2010.