Lugo, a 20 de outubro de 2010.- A comisión de educación do Partido Popular organizará mañá un novo foro aberto ó que asistirá como convidado o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xunto con outros membros do seu equipo, e no que se analizará de xeito pormenorizado e entre outros asuntos o recente inicio do curso escolar.
O encontro, que se desenvolverá no salón porticado do Gran Hotel a partir das 19:00 horas, enmárcase dentro do programa de reunións periódicas que o Partido Popular promove entre os profesionais da educación e os responsables da Consellería de Educación para tentar garantir que unha e outra parte manteñan unha relación o máis directa e fluida posible. A iniciativa tenta que o profesorado sexa coñecedor das accións que en materia educativa ten en marcha ou prevé levar a cabo a administración autonómica e, por outra banda, que a propia consellería teña constancia das inquedanzas ou dos problemas ós que se enfronta este colectivo.
No encontro participarán, entre outros cargos órganicos do PP de Lugo, o presidente provincial José Manuel Barreiro e a vicesecretaría de Relacións coa Sociedade Manuela López Besteiro.