Partido Popular de Lugo

Feijoo anuncia unha rebaixa de impostos en materia forestal

Lugo, 16 de outubro de 2010.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo anunciou hoxe en Lugo unha rebaixa de impostos en materia forestal consistente na exención de imposto de sucesións e actos xurídicos documentados ás propiedades incluídas nos terreos xestionados conxuntamente a través das sociedades forestais. Esta rebaixa selectiva de impostos para o ano 2011 servirá para “poñer en valor o noso monte para, por enriba de todo, protexelo nunha medida inequívoca do Goberno galego por promover agrupacións viables de propietarios forestais para a xestión conxunta das súas propiedades”.

Esta medida se engadirá, nas contas do 2011, aos compromisos de rebaixar os impostos que facilitan o acceso á vivenda e ao impulso de captación de capital e o investimento con novos incentivos fiscais.

O presidente dos populares galegos iniciou a súa intervención facendo referencia a importancia do momento actual para o Goberno “porque é o momento de presentar os orzamentos anuais”. Neste sentido Feijoo indicou que “nós non imos a deixar en herdanza buratos económicos como o que agora ten que pagar a Xunta de Galicia: 2.600 millóns de euros de irresponsabilidade orzamentaria do Goberno de España e do bipartito”.

ORZAMENTOS AXEITADOS A REALIDADE, AO MOMENTO E A TERRA.- Durante o discurso o presidente do PPdeG indicou que “quero garantirvos que a Xunta de Galicia presentará uns orzamentos que se axeiten á realidade, ao momento e a esta terra”. Contrapuxo, no seu discurso,os orzamentos do estado “que son como os planos dun edificio que non ten nin cimentos nin pilares: ou non se pode nin comezar a construír o use pode vira baixo en calquera momento”. Deste xeito fixo referencia a  que os orzamentos estatais son “a antítese do rigor, por eso agora Galicia ten que devolver 2.600 millóns de euros, son a antítese da planificación, a antítese da xestión, por iso comprometeron 5000 millóns de euro sen Galicia que nunca chegaron a investir, e a antítese do compromiso social”. 

AUSTERIDADE, SOLVENCIA E BENESTAR.- Para o  presidente dos populares  os orzamentos galegos representarán “o antídoto contra a antítese da política económica responsable que é o Goberno de España”.  Deste xeito  resaltou  que “Galicia seguirá sendo sinalada pola súa austeridade ,  seguirá sendo referente de solvencia e seguirá contribuíndo a que España sexa un Estado de Benestar pese ao malestar económico que xera o Goberno”.

“Os orzamentos da Xunta serán, para os galegos, un seguro a todo risco para as súas prestacións, pese aos accidentes económicos e sociais que continuamente provoca o Goberno de España” indicou Núñez Feijoo. O presidente do PPdeG criticou, así mesmo, a permanente improvisación do Goberno central , a cesión dos intereses xerais por uns votos no Congreso e denunciou “as continuas discriminacións e minusvaloracións: dígase carbón, dígase leite, dígase Xacobeo, dígase asteleiros, dígase infraestructuras, dígase financiamento”.

Ante o desequilibrio territorial que o Goberno de España impulsa, segundo o presidente do PPdeG “aspiramos a unha Galicia unida, homoxénea e comunicada”.