Santiago, 14 de outubro de 2010.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular dirixida a que Galicia teña unha maior participación nos consellos de ministros de Pesca da Unión Europea. A proposición non de lei insta á Xunta a propoñer ao Goberno central un novo sistema de representación que valore a relevancia do sector pesqueiro de cada autonomía e no que só as comunidades marítimas poidan participar nestes consellos. Así mesmo, propón que se diferencien os consellos de Pesca dos de Agricultura.
Na defensa da iniciativa, o deputado Daniel Varela salientou que a participación de Galicia nos consellos de Pesca europeos non está en consonancia co peso e importancia do sector pesqueiro galego ao aplicar o Goberno central criterios de selección rotatorios entre as autonomías, pouco representativo da relevancia para algunhas delas dos asuntos a tratar. Nese sentido, lembrou que o sector pesqueiro galego representa o 40% da flota española e o 7,27% da Unión Europea, ademais do 15% do total da produción pesqueira da UE. Igualmente, destacou que Galicia mantén o 51,6% do emprego pesqueiro español e o 10,2% do emprego dos 27 países da UE.
Como exemplo das deficiencias do actual sistema de representación das comunidades nos consellos de ministros europeos, o deputado fixo referencia ao Consello informal de ministros de Pesca da UE celebrado en Vigo os días 4 e 5 de marzo pasado, no que non se permitiu a asistencia da conselleira do Mar, malia ser Galicia a comunidade anfitriona e constituír a primeira potencia pesqueira española e europea. Unha ausencia que o Goberno central xustificou alegando que a quenda lle correspondía á Comunidade Autónoma de Cataluña e, malia que a dita comunidade cedeu finalmente o seu posto a Galicia, o Executivo de Zapatero impediu o cambio aducindo que non era posible facelo.
INTERESES PESQUEIROS DEFENDIDOS POR EXTREMADURA.- Noutras ocasións, como ocorre na actualidade, os intereses pesqueiros galegos, engadiu Daniel Varela, teñen que ser defendidos por Extremadura ou La Rioja, algo que para o deputado “atenta contra o sentido común” e constitúe “un auténtico esperpento”.
A iniciativa aprobada hoxe polo Pleno da Cámara propón tamén que, nese novo sistema, se pondere, entre as comunidades marítimas, a relevancia do respectivo sector pesqueiro en relación coa orde do día do correspondente Consello para a súa participación e designación como representante das demais, e que sexan as propias autonomías marítimas as que decidan exclusivamente entre si a dita participación e representación, comunicándoo ao Goberno central e que entre este e aquelas se acorde a postura a defender polo Goberno do Estado nese Consello de ministros.