Partido Popular de Lugo

O PSOE REXEITA A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE XUNTA E GOBERNO CENTRAL PARTICIPEN NO PLAN DE VIABILIDADE DO GRUPO DE EMPRESAS SARGADELOS

Santiago, 29 de setembro de 2010.-  O Partido Socialista vén de rexeitar a proposta do Grupo Parlamentario Popular para que Xunta e Goberno central participen e colaboren no plan de viabilidade do grupo de empresas Sargadelos. Os populares rexistraron unha emenda á iniciativa debatida a última hora da tarde de onte no Pleno do Parlamento de Galicia co obxecto de materializar o apoio das administracións aos traballadores desta compañía. Máis en concreto os populares reclamaban poñer en marcha, “previa solicitude da empresa e de xeito concorrente coa administración do Estado, todas as iniciativas e ferramentas ao seu alcance, unha vez demostrada a viabilidade técnica e financeira, que permitan garantir o futuro do grupo de empresas Cerámicas Sargadelos mediante a cobertura das necesidades financeiras a curto e medio prazo, mediante avais ou axudas de capital ao igual que se está facendo noutras empresas, para garantir o seu funcionamento normal”.

AXUDAS ESTATAIS PARA PREXUBILACIÓNS.- Tamén os socialistas se negaron a aceptar a habilitación dunha liña de axudas por parte do Ministerio de Traballo, única administración competente en materia de Seguridade Social, que permitiría financiar as prexubilacións de entre 55 e 60 anos cunha media de aproximadamente 823 euros para 1.000 euros de salario, ademais das cotizacións da Seguridade Social. O Grupo Popular considera incomprensible o feito de que, si o  Ministerio socialista de Traballo e Seguridade Social, máis en concreto a súa inspección, considerou no seu informe preceptivo que procedía aprobar o ERE para a fábrica da Cerámica de Sargadelos en Cervo, agora se estea a negar a achegar as axudas contempladas na lexislación vixente, máis en concreto, a través das subvencións que poderá conceder o Ministerio de Traballo a traballadores afectados por procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas reguladas na Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril).

O BNG NIN TAN SEQUERA VOTA A SÚA INICIATIVA.- Finalmente os populares censuraron que os deputados do Bloque Nacionalista Galego nin tan sequera acudiron á votación celebrada esta mañá no Pleno do Parlamento, evidenciando a mínima importancia que lle outorgan a un debate destas características no que está en xogo a continuidade, en viabilidade, dunha empresa e dos seus postos de traballo. Jose Manuel Balseiro explicou que como os parlamentarios do BNG non se atopaban no Pleno para defender a iniciativa que eles mesmos presentaron, o regulamento da Cámara establece que decae a emenda, e polo tanto, estaría a protagonizar “unha falta de respecto aos traballadores de Sargadelos, pois presentan unha  iniciativa que eles mesmos nin votan”.

O deputado José Manuel Balseiro explicou finalmente que o seu grupo non tivo máis remedio que votar en contra do texto da iniciativa que propoñían os grupos da oposición, despois de que estes se negaran a aceptar as emendas do Partido Popular e polo tanto que rexeitaran a implicación do Goberno central na plan de viabilidade do Grupo Sargadelos e a achega das axudas correspondentes a favor dos traballadores.