Partido Popular de Lugo

NOVAS XERACIÓNS ESTARÁ PRESENTE NOS 67 CONCELLOS DE LUGO

Lugo, 25 de setembro de 2010.- O comité de dirección de Novas Xeracións da provincia de Lugo, constituído fai unha semana, mantivo onte a súa primeira reunión durante a que se acordou como un dos principais retos para o próximo curso político, o contacto coas xuntas locais do Partido Popular co obxectivo de constituír NNXX en todos os concellos lucenses. Ata o momento, só 15 municipios teñen representación política da agrupación xuvenil do PP, porén, tal e como afirmou o presidente provincial, Daniel Vega, a pretensión é que “Novas Xeracións esté presente nos 67 concellos lucenses”.

 

A executiva provincial estableceu onte un programa de actividades e retos para os primeiros meses do próximo curso político –que dará comezo o vindeiro 23 de outubro en Portomarín–, co que lle dará cumprimento ao seu programa político. Así, a acta da reunión mantida onte tamén contempla a programación dunha reunión de traballo para estudar a futura constitución dunha escola de formación e dunha asociación paralela a Novas Xeracións.

Ademais a agrupación provincial prevé para o mesmo mes de outubro unha reunión cos representantes da comarca de Vilalba, así como a celebración da primeira xuntanza do comité executivo de Novas Xeracións, que terá lugar o próximo venres, en Guitiriz.

Programa para novembro

De igual maneira, a axenda para o mes de novembro recolle actos de reivindicación da actual situación de precariedade gandeira, económica e laboral. Así, acorde ás principais problemáticas da sociedade actual, Novas Xeracións provincial colaborará coa agrupación local de Lugo cidade na organización dun acto que versará sobre a situación económica e laboral da xuventude. O obxectivo é extraer conclusións que logo lle serán propostas aos deputados da área.

De igual maneira, Sarria acollerá un acto reivindicativo sobre a actual situación de crise do sector lácteo e que converte en penoso o traballo dos gandeiros. Con el, NNXX porá de manifesto que “s igue pensando na poboación agraria”, segundo manifestou Daniel Vega.

Así mesmo, o día 20 de novembro e coincidindo co Ano Santo Xacobeo, Novas Xeracións de Lugo realizará un tramo do Camiño de Santiago, o que descorre entre o Monte do Gozo e a catedral compostelá. Tamén realizará outro tramo do camiño ao seu paso por Portomarín.

Por último, a actual executiva de Novas Xeracións non se esquece dos seus predecesores, tanto é así que o 13 de novembro a cidade de Lugo tamén acollerá un acto de agradecemento e recoñecemento do traballo de todos os que ostentaron o cargo de presidente de Novas Xeracións na  provincia.