Silleda, 25 de setembro de 2010.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo asegurou hoxe que o Goberno galego fará uns orzamentos para unha Galicia solvente que paga e crece e que proporcionen a credibilidade que está perdendo España pola política económica do Goberno central.
Así se expresaba o líder do PPdeG ante os máis de 12.000 asistentes, entre simpatizantes e militantes da formación, que se atopaban no Recinto Ferial de Silleda na gran festa dos populares.
MOBILIZACIÓNS DO PPdeG.- Alberto Núñez Feijóo lembrou que hai ano e medio os populares se mobilizaron e obtiveron unha grande vitoria coa maior participación da historia de Galicia e, meses despois, incrementaron aínda máis a súa vitoria nas Europeas. Así, apuntou que o vindeiro ano haberá 315 convocatorias e os populares van responder como saben: con 315 grandes mobilizacións pola vitoria.
Segundo Feijóo, o acto de Silleda é a grande mobilización do PPdeG durante este ano pero, durante o mesmo, ante aqueles que só se convocan para ir á contra e destruír, Galicia ten realizado grandes mobilizacións constructivas: o Xacobeo, o Diálogo Social e a fusión das caixas.
OS 315 RODIEZMOS GALEGOS.- Feijóo indicou que esa era a gran mobilización do ano do PPdeG e, con respecto a iso, fixo fincapé en que o PSOE tamén tiña unha grande mobilización anual, pero en Rodiezmo, a cal foi mudada este ano por unha folga xeral. Unha folga xeral, segundo Feijóo, porque o Goberno non ten prestado a España nin os máis mínimos servizos mínimos de xestión, rigor, responsabilidade e coherencia.
Para Feijóo, Zapatero non acudiu a Rodiezmo porque onde prometía subir as pensións, agora tería que dicir que as baixa e as pon en cuestión; porque onde prometía subas salariais aos empregados públicos, agora tería que dicir que lles baixa o 5% do seu soldo; e porque onde prometía pleno emprego, agora tería que dicir que somos os campións de Europa do paro.
Feijóo subliñou que Rodiezmo é un pobo con xente comprometida, que valora a responsabilidade e que lle digan as verdades á cara, por iso alí non foi o presidente do Goberno central. Nesta liña, apuntou que alí, como non podía ser doutra maneira, hai un alcalde do PP. Con respecto a isto, fixo fincapé en que en Galicia hai 315 Rodiezmos que Zapatero tamén ten evitado todo o ano. 315 Rodiezmos que de xentes que arriscan a súa vida no mar, que dependen do carbón ou se esforzan por Galicia e que teñen convertido o Ano Santo Xacobeo, no ano de Galicia sen ter un presidente do Goberno de España que viñera pola Comunidade.
Para Feijóo, son 315 Rodiezmos que queren se lles diga a verdade de que o apoio ao Xacobeo por parte do Goberno central ten sido nulo, de que se por el fora hoxe non habería caixa galega e de que está a recortar os orzamentos de Galicia o máximo posible para deixarnos co mínimo imaxinable. Por iso, concluíu que se Zapatero evitou ir ao Rodiezmo leonés para dicir a verdade non é de estranar que leve ano e medio evitando ir a calquera dos concellos galegos.
ORZAMENTOS: PAGAR E CRECER.- O líder do PPdeG aproveitou para reiterar que os populares sempre irán coa verdade por diante, e tentarán que Galicia sempre sexa recoñecida como un lugar solvente, que transmite certezas. Nesta liña, indicou que as catro leis máis importantes que pode facer un Goberno durante unha lexislatura son as catro leis de orzamentos anuais.
Para Feijóo, cando un non se toma os orzamentos en serio, sucede que se subasta o interese xeral polos votos do PNV, sen importar o que o mesmo Goberno firmou un ano antes coas CCAA; e sucede que agora Galicia debe 2.600 millóns de euros que o Goberno de España dixo que os galegos tiñan e non existían e sucede que por negar a crise cos orzamentos durante dous anos (en 2008 e 2009) e agora resulta que todos os españois terán que traballar dous anos máis –dos 65 aos 67- para poder percibir a pensión que lles corresponde por dereito.
Nesta liña, Feijóo destacou que o Goberno, en lugar de obrigar a traballar dous anos máis a todos os españois debería deixar de traballar dous anos antes e convocar aos españois a unhas eleccións.
Neste sentido, apuntou que desde o rigor é o peor servizo que a Xunta lle podería prestar aos galegos é agrandar o burato de 2.600 millóns de euros que nos deixou o bipartito. Ademais, asegurou, desde a credibilidade, que os populares non farán ningún gasto que comprometa e poña en cuestión nin a estabilidade das contas dos galegos nin as prestacións esenciais en educación, sanidade e servizos sociais.
Así, prometeu que cumprirían coa Estabilidade orzamentaria, coas infraestruturas viarias e sanitarias comprometidas e con que Galicia tería blindadas as prestacións esenciais da educación, a sanidade e os servizos sociais que dependesen da Xunta.
ELECCIÓNS MUNICIPAIS: UNIDADE E ILUSIÓN .- Feijóo tamén aproveitou o mitin para abordar o tema das eleccións municipais, das que dixo que serán decisivas para os concellos, para Galicia e para España. Para os concellos, porque están no seu peor momento financeiro e é o momento de tapar buratos e non afondalos coas beirarrúas do Plan E; para Galicia, para que poida consolidar un modelo de cooperación e poida camiñar cara un país vertebrado e igualitario; e para España, para que haxa un cambio de rumbo a nivel nacional e demostrar, desde os concellos galegos, que hai un modelo alternativo ás políticas prexudiciais.
Unha alternativa de planificación e rigor, segundo Feijóo, ante a improvisación e a frivolidade da ineficacia socialista e, ante os bipartitos, unha alternativa que significa austeridade, xestión, capacidade para priorizar o que importa e, por enriba de todo, unidade. Por iso, é o tempo de apostar pola unidade e de sumar.
Nesta liña, indicou que o PPdeG é un partido que, como Galicia, é libre, fiable e gañador para unha sociedade gañadora, por iso, vencerá ao PSOE, ao BNG, aos bipartitos e, por enriba de todo, está seguro de que Galicia acabará vencendo na súa batalla máis importante contra a división, a crise e o paro.
315 ILUSIÓNS.- O líder dos populares galegos finalizou a súa intervención lembrando que o partido ten, ante si, 315 eleccións, 315 concellos e, como di o lema da xuntanza, 315 ilusións polas que contribuír a unha Galicia mellor e a unha España mellor e que se resumen nunha: recuperación. 315 ilusións, por tanto, e case 3 millóns de compromisos: cada un dos galegos.