Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PEDIRÁ AO GOBERNO DO ESTADO QUE DETERMINE OS PUNTOS DE VERTEDURA DE MATERIAIS PROCEDENTES DOS DRAGADOS QUE SEXAN ASUMIBLES POLA SÚA DISTANCIA E POLO SEU IMPACTO AMBIENTAL E PESQUEIRO

Santiago, 24 de setembro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular pedirá ao Goberno do Estado que determine expresamente os puntos de vertedura de lodos e outros materias procedentes de operacións de dragado, que sexan asumibles pola súa distancia e polo seu impacto ambiental e pesqueiro. O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que esta petición ten sentido porque o Executivo central é a administración competente para autorizar estes puntos de vertedura e, máis en concreto, segundo establece lexislación estatal vixente, a través das Capitanías Marítimas, logo do informe da Dirección Xeral de Costas.

Os populares son favorables polo tanto, a garantir que todas as verteduras de materiais de dragaxe que poidan realizarse no mar se realicen desde o escrupuloso respecto medio ambiental, de xeito controlado, e avaliando e corroborando a mínima incidencia de calquera vertido nos  recursos produtivos pesqueiros e marisqueiros. Hoxe xa existen unha serie de recomendacións para a xestión dos materiais procedentes dos  dragados, publicadas polo CEDEX (Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas), nas que se establecen os criterios para elixir os puntos óptimos de vertido e tanto a Xunta de Galicia, como seguro o resto das administracións sempre respectan estes  parámetros e recomendacións, pendentes, en todo caso, da autorización final que lle corresponde outorgar ao Executivo central.

A día de hoxe os criterios empregados  pola administración central para a determinación dos puntos de vertedura son “certamente incoherentes” e incluso provocan un agravio comparativo que actúa en prexuízo de Galicia. Por isto cómpre requirir ao Goberno do Estado que determine de ante man os espazos autorizados. Balseiro exemplificou esta situación no que está a acontecer coas verteduras das operacións de dragado que Portos de Galicia efectúa na dársena de Ribadeo. Mentres que o Executivo central obriga á Xunta a facer as verteduras a 24 millas de distancia cara o Noroeste, o Principado de Asturias, quen tamén realiza operacións de dragado na mesma ría –concretamente na canle das Figueiras (Castropol) separados por uns poucos quilómetros- poden verter a tan só 5 millas náuticas, un trato desigual que implica para Galicia o encarecemento dos custes polo traslado dos materiais.

ILLAS ATLÁNTICAS LIBRES DE VERTEDURAS.- Os populares anuncian o rexistro desta iniciativa despois de que o Bloque Nacionalista Galego se negara, no transcurso da Comisión de Pesca celebrada no día de hoxe no Parlamento, a aceptar unha emenda na que os populares defendían a necesidade de eliminar por completo calquera tipo de vertedura destes materiais no mar no contorno do dominio público do Parque Natural das Illas Atlánticas. Os populares querían erradicar o vertido no mar de materiais procedentes da dragaxe dos portos, dársenas ou calquera outro espazo. Os nacionalistas non quixeron aceptar esta petición que buscaba preservar esta ampla área de especial protección.