O presidente das Novas Xeracións do Partido Popular de Lugo, Daniel Vega, lamentou que as mocidades do BNG estean a levar ata o interior dos institutos campañas políticas. As devanditas declaracións efectúanse despois de coñecerse informacións sobre a repartición de panfletos, charlas informativas e outro tipo de actividades incitando á folga no interior dalgunhas aulas, o que supón un claro exemplo de adoutrinamento de persoas que, na súa inmensa maioría, son menores de idade.
Malia que as Novas Xeracións do PP comparten o malestar da cidadanía galega, e de xeito especial da xuventude, polas erradas políticas que está a desenvolver o Goberno de Zapatero, consideran censurable que os nacionalistas decidan facer política de pancarta e actos de propaganda a pé de pupitre.
Para os máis novos do Partido Popular de Lugo tamén resulta sorprendente que sexa o BNG quen agora asuma como propia a convocatoria da folga xeral e alente á participación na mesma, tendo en conta que os nacionalistas ata o momento, foron cómplices das políticas socialistas que nos levaron á actual situación económica e xunto co PSOE, tanto nas Cortes Xerais como no malogrado Executivo autonómico bipartito, negaron ata o último momento a existencia da crise.
Os populares consideran que a defensa dunha determinada opción política nunca debe ir acompañada de adoutrinamento ou actos de presión nas aulas, e iso é o que precisamente diferenza a algúns colectivos dun Partido Popular que estará sempre a favor da xuventude, pero en contra do lavado de mentes, opción pola que parecen apostar os nacionalistas.
NON É UN FEITO PUNTUAL
Os máis novos do PP lucense subliñan tamén que o traslado da confrontación política ás aulas, en colexios e institutos, onde hai menores de idade, non responde a un comportamento puntual dos nacionalistas e das organizacións próximas ao BNG, senón que xa se ten repetido en diversas ocasións. Intentaron facelo no ámbito da sanidade, cando animaban a participar en manifestación co falso argumento de que desaparecerían os hospitais comarcais, fixeron o propio en relación co idioma, amosando o seu desprezo a favor da liberdade e equilibrio no uso das linguas, e agora fan o propio coa escusa da folga xeral.
QUEIXAS FORMAIS
Novas Xeracións desexa en todo caso que tanto as nais como os pais, e titores legais do alumnado rexeite este tipo de actos de adoutrinamento dos nacionalistas e canalicen as súas queixas diante do equipo de dirección dos colexios e institutos.