A Mariña, 24 de setembro.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, quixo aclarar que a porcentaxe das subvencións para rehabilitación de vivendas en conxuntos pasa do 50 ao 75 por cento do orzamento protexido, esto significa que a axuda recibida hoxe cubre en maior medida que antes o custe final das obras e, polo tanto, os gastos da rehabilitación.
COMPATIBILIDADE DE AXUDAS.- O incremento da porcentaxe máxima da subvención débese a que a partir de agora estas axudas serán compatibles coas concedidas co mesmo fin a través do Plan de Vivenda 2009-2012, o que permitirá acadar unha subvención máxima do 75% e non 50% como acontecida co bipartito. Agora ambas axudas –a autonómica e a estatal- son compatibles, situación que permite compensar a reducción do importe máximo das axudas autonómicas.
GARANTÍA DE PAGOS.- O deputado popular tamén aclara que lonxe de efectuar recortes, a Xunta ten incrementada a porcentaxe do orzamento que o Instituto Galego de Vivenda e Solo dedica á rehabilitación. No ano 2010 o IGVS dispón de 12 millóns de euros para este tipo de axudas. Na práctica esto significa que son axudas moito máis realistas, xa que o importe concedido se traduce no pago ao cidadán, e non como acontecía antes co bipartito onde se creaba unha expectativa de recibir unha subvención que despois non se materializaba por falta de fondos, porque a Xunta bipartita prometía achegar máis cartos dos que de verdade existían na partida orzamentaria correspondente.
OITO ANOS PERDIDOS.- Balseiro lamenta que desde a Alcaldía de Viveiro agochen esta realidade e apliquen altas doses de manipulación e demagoxia falando de recorte a pesar de que hoxe hai máis fondos adicados á rehabilitación.
En todo caso, o deputado popular, amosa a súa satisfacción porque agora, inda que sexa pola proximidade da cita electoral, o socialista Melchor Roel lembre que é preciso traballar e avanzar na rehabilitación do centro histórico da vila, un aspecto no que, durante o seu mandato e salvo contadas excepcións, non se ten destacado. De feito, un simple paseo polo casco histórico permite deducir que a Alcaldía de Viviero non soubo aproveitar as axudas para rehabilitación e aínda son moitos os inmobles que presentan un estado ruinoso, ou deficiencias estruturais graves polo paso do tempo. Nada disto valeu para que o Alcalde adquirira grandes compromisos para o seu arranxo.