Partido Popular de Lugo

O PP lembra aos socialistas que o Goberno central aínda non achegou os 19 M€ aos que se comprometeu para poder executar as obras do PEIM durante o 2011

Lugo, a 23 de setembro de 2010.-  O Partido Popular de Lugo deu resposta ás críticas dos socialistas en relación coa execución das obras do Plan de Infraestruturas Rurais (PEIM) lembrándolles que é o Goberno central quen aínda non achegou a súa parte do orzamento necesario para poder executar estas actuacións, isto é os 19 millóns de euros que lle corresponden ao Estado para que poidan desenvolverse as obras nos distintos concellos rurais durante o 2011. Os populares amosan ademais a súa sorpresa porque o PSOE provincial pida que se levan adiante unhas obras que eles mesmos, desde a administración central, están a obstaculizar.

Segundo sinalan, a pasividade do Executivo socialista paraliza investimentos básicos para a poboación rural. O PEIM engloba dende obras de melloras de infraestruturas viarias, ata o acondicionamento de camiños e pistas rurais, afirmado e pavimentación, dotacións de abastecemento de auga ou sistemas de saneamento e depuración.

A XUNTA CUMPRIU A SÚA PARTE.- Pola contra, a Xunta decidiu acometer a súa parte e dispor de 9,5 millóns de euros que lle corresponden para atender as necesidades existentes no marco da mellora en infraestructuras.

No ano 2008 a  Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino chegaron a un compromiso de executar o PEIM cunha dotación orzamentaria de 55,5 millóns de euros distribuídos en 27 M€ para o ano 2009 e 28,5 M€ para o 2010, asumindo o Ministerio as dúas terceiras partes e a Xunta o tercio restante. Ata o momento só a Xunta comprometeu a súa achega, non así o Goberno central. As obras do PEIM 2010 deben levarse adiante durante o ano que ven.

Esta non é a primeira vez que a administración socialista demora os seus pagos, no convenio PEIM 2009 a transferencia do Ministerio non chegou ata o mes de decembro do 2009, mentres a parte correspondente da Xunta xa estaba contratada e as obras correspondentes en execución.

FALTA DE SENSIBILIDADE DA MINISTRA.- Os populares insisten en que o PSOE, se realmente está preocupado polas infraestruturas rurais, trate de mediar coa ministra do seu partido, que está a facer oidos xordos no que se refire aos compromisos do PEIM, e intente transmitirlle a sensibilidade necesaria –da que parece carecer- cara as necesidades dos concellos galegos a fin de que removan os obstáculos actuais e permitan continuar con este programa.

Finalmente os populares explicaron que, ante esta situación, e dadas as necesidades existentes no marco da mellora de infraestruturas vivarias, a Xunta de Galicia con moito acerto decidiu comunicarse cos concellos para priorizar as obras a executar, adaptándose, polo momento, á parte que lle corresponde executar a administración autonómica cos seus fondos e que xa están definitivamente dispostos.