Partido Popular de Lugo

O GOBERNO GALEGO SOLICITARÁ AO GOBERNO CENTRAL QUE INCREMENTE OS CONTROIS DAS IMPORTACIÓNS DO PEIXE PANGA PROCEDENTE DO SUDESTE ASIÁTICO

Santiago, 21 de setembro de 2010.- O Goberno galego solicitará ao Goberno central que vele polos intereses dos consumidores e incremente os controis das importacións de peixe panga procedente do sudeste asiático logo  de verificarse unha “constante situación de falla nos controis de orixe” que se practican aos lotes deste produto procedentes do sudeste asiático. Así o explica nunha resposta escrita dirixida ao Grupo Parlamentario Popular na que tamén indica que ao tratarse dun peixe de importación a responsabilidade da entrada  no mercado interior comunitario é das autoridades centrais dos distintos Estados membros, no caso de España, son responsables os Puntos de Inspección Fronteiriza (PIF), adscritos aos Ministerios de Sanidade e Política Social e de Administracións Públicas.

NVOLUCRADO EN MÚLTIPLES REDES DE ALERTA.- Os populares, a través do seu voceiro do Mar, Jose Manuel Balserio, promoveron diversas iniciativas parlamentarias ante as reiteradas alertas que o panga asiático estaba a xerar no sistema europeo de control alimentario. Todas elas, tras detectarse a presenza de contaminantes químicos, físicos e microbiolóxicos en varios lotes de peixe panga. De feito Sanidade aclara que durante o ano 2005, 48 alertas foron por casos nos que estaba implicado o peixe panga, no 2006 foron 15, no 2007 foron un total de 4 e durante o 2009 constaban un total de tres.

CONTROL EXHAUSTIVO.- Ante as devanditas circunstancias a Xunta comprométese a establecer unha liña de investigación da seguridade do peixe panga asiático que se comercializa na nosa comunidade e solicitará ás autoridades sanitarias do Goberno central que analicen o panga procedente de países terceiros antes da súa liberación no mercado galego. A Xunta tamén asume o compromiso de tramitar e xestionar as alertas que poidan producirse como consecuencia da detección de problemas de seguridade alimentaria nas importacións deste produto dándolle a correspondente publicidade ante os consumidores, segundo a respostas facilitadas as iniciativas do Grupo Popular no Parlamento. 

PRODUTO SUBSTITUIVO.- O panga é un produto que no mercado vén a substituír ao peixe capturado  pola flota galega –fundamentalmente fronte á pescada e ao fletán conxelado- fronte aos que actúa nun evidente caso de competencia desleal. O atractivo aspecto que ofrece o peixe panga –fileteado, sen pel e sen espiñas- e, de xeito destacado, o seu reducido prezo con respecto a outros produtos son as claves do seu éxito de venda. Todo isto malia que resulta evidente que as súas calidades nutricionais e hixiénico sanitarias son moi dubidosas, sobre todo se o comparamos coas totais garantías que ofrecen os peixes e mariscos galegos, segundo indica o voceiro do Mar do Grupo Popular.