Santiago, 06 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, considerou “inauditas” as declaracións efectuadas polo xefe de filas dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, nas que criticaba que a Xunta de Galicia estea a efectuar análises periódicas para comprobar a calidade e condicións microbiolóxicas das augas na ría do Burgo. O deputado popular considera que as devanditas afirmacións son “impropias” de alguén que aspira a gobernar Galicia e que na pasada lexislatura xestionou a carteira de Medio Ambiente e, polo tanto, que ten coñecemento da normativa vixente.
De feito, é a lexislación europea a que obriga á Xunta a efectuar estas análises no conxunto das súas augas litorais, para garantir a salubridade do marisco que se produce nestes espazos. Entre outros, o regulamento europeo (CE) 854/ de 29 de abril de 2004 establece normas específicas para a organización de controis oficiais dos productos de orixe animal destinados ao consumo humano, inclúe tamén unha xeira de obrigas que entroncan coa calidade das augas, e dá os parámetros que permiten comercializar -dun xeito directo ou sometidos a unha depuración previa- os moluscos bivalvos. “Falamos en consecuencia dun procedemento regrado a nivel comunitario que, segundo as súas propias declaracións, o xefe dos socialistas galegos pretende que incumpramos”.
Balseiro cualifica de “chiste de mal gusto” que desde o PSOE se reclame o saneamento da ría do Burgo cando o bipartito só foi capaz de iniciar e executar no seu mandato só o 1% dos 81 millóns de euros en total que se executaron nesa zona dende o ano 2001. A esta cifra para o saneamento e mellora das augas da ria do Burgo compre engadir 15 millóns máis que a Xunta actual comprometeuse a executar durante o periodo 2011-2013. Ademais, pídelle ao socialista que explique aos cidadáns por qué mentres o goberno da Xunta ten en marcha plans reais de saneamento e inversións concretas na Ría do Burgo, o Goberno de Zapatero se escaquea e non ten investido nin un só euro no que vai de ano.
EFECTIVIDADE FRONTE AO FURTIVISMO.- O voceiro do Mar dos populares galegos está convencido de que os socialistas están cada día máis situados nunha vía de “antisistema” tal e como demostran as súas últimas declaracións en materia de pesca e marisqueo. Neste eido enmarca tamén as palabras da súa voceira socialista do ramo, a deputada Marisol Soneira, nas que cualificaba de “escandalosos” os bos resultados que se coñeceron no ámbito da loita contra o furtivismo, despois de que creceran un 80% as incautacións. “O que era verdadeiramente escandaloso é a situación que se atopou o PPdeG cando accedeu ao Goberno, pois levaban catro anos coas lanchas amarradas e os membros do servizo de Gardacostas sen poder facer a súa labor, os propios profesionais do mar se queixaban da pasividade do bipartito fronte ao furtivismo”. Jose Manuel Balseiro está convencido de que “o que verdadeiramente lles doe no PSOE é que exista un sistema de control máis efectivo, que todo comece de novo a funcionar e que se estea a ver como o actual Goberno galego potencia a loita contra esta lacra, fronte a pasividade que caracterizaba ao bipartito”.
En opinión de Balseiro cando Marisol Soneira comeza diferenciando entre furtivos non profesionais e profesionais furtivos, o único que pretende “é enredar”, pois “todos son ilegais, e todos eles coa súa actuación inaceptable están a afectar negativamente aos recursos do mar”. Nesa liña empraza aos socialistas a asimilar un novo concepto básico na loita contra este lacra, pois “desde que o PPdeG está na Xunta é prioritario traballar para que a minoría dos furtivos non poñan en risco o futuro da maioría das e dos profesionais do mar que traballan axeitadamente na pesca e marisqueo en Galicia”.
Balseiro parte da premisa da “incapacidade” de Marisol Soneira para “comprender todas estas cuestións”, porque está claro que para ela, tal e como afirmou o pasado mes de marzo nunhas declaracións efectuadas a unha emisora de radio, e que aínda non rectificou, ás veces disfrázase de furtivismo o que ela cualificou como unha tradición”. En opinión do voceiro popular “só por afirmacións deste tipo no PSOE deberán ter cesado a esta deputada de xeito inmediato, pero despois de escoitar as irresponsables declaracións de Manuel Vázquez, que é o seu xefe, xa comprendemos por que non o fixeron, porque o PSOE está instalado na radicalidade e na irresponsabilidade permanente como fórmula de facer oposición”.