Partido Popular de Lugo

O GRUPO SOCIALISTA INCOMPRENSIBLEMENTE PIDE EXECUTAR O PLAN DIRECTOR DO HOSPITAL DA COSTA PESE A QUE NON EXISTE, XA QUE A XUNTA BIPARTITA NON O ELABOROU

Santiago, 03 de setembro de 2010.-  O Grupo Parlamentario Popular non apoiou a iniciativa que o PSdeG defendeu hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia e a través da que incomprensiblemente están a demandar a execución dun suposto “plan director” do Hospital da Costa que non existe, porque a Xunta bipartita non o elaborou –dato que recoñeceu o propio deputado socialista, a pesar de falar moitas veces del-. Así o explicou esta mañá o deputado popular José Manuel Balseiro, quen tamén clarexou que os único que deixou listo o anterior Executivo autonómico foi un plan funcional, encargado a Insersalus no ano 2008, pero que quedou sen dotación orzamentaria e sen ningún proxecto asociado. “Non era máis que unha declaración de boas intencións, pero que tampouco tiveron a vontade de levar adiante pois a pesar de facer a súa presentación pública a modo de propaganda, non tiña respaldo algún nas contas da Xunta para 2009, nas que elaborou o PSOE e o BNG”.

José Manuel Balseiro indicou con rotundidade que o Partido Popular de Galicia comprométese a acometer a ampliación do Hospital da Costa, a pesar das restriccións orzamentarias e do momento de contracción económica que estamos a sufrir, porque son conscientes de que se trata dunha actuación “totalmente necesaria, e porque así o prometemos” e lembran que desde que chegou o Partido Popular á responsabilidade de Goberno da Xunta están a investirse máis dun millón de euros –unha cantidade moi superior á achegada polo bipartito ao longo dos últimos catro anos- tanto para obras como para melloras tecnolóxicas.

Balseiro preguntou a socialistas e nacionalistas por qué durante os catro anos de Goberno se esqueceron nos orzamentos autonómicos do Hospital da Costa e emprazoulles a que expliquen por que entonces non acometeron a ampliación. O deputado popular indicou que pola desidia do anterior Goberno a Xunta actual “ten que partir de cero”, mostra do cal é que hoxe están a executar obras xa no seu día comprometidas pero que non houbo intención de levar adiante, como é o caso da ampliación e mellora da área de maternidade do hospital.

MARCAR OS TEMPOS.- Balseiro subliñou finalmente que non ten ningún sentido “que sexan os que negaron a ampliación do hospital na pasada lexislatura –por PSOE e BNG- os que agora pretendan marcar os tempos ao novo Goberno de Galicia”, porque de ser así “estaríamos condenando a todos os mariñáns catro anos máis a non levar adiante esta ampliación, e nos si comprometémonos a executala”.