Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SITÚA Á COMERCIALIZACIÓN DOS PRODUTOS PESQUEIROS E MARISQUEIROS COMO UN DOS RETOS DO FUTURO MÁIS IMPORTANTES PARA O MUNDO DO MAR E PREGUNTA NO PARLAMENTO SOBRE AS PREVISIÓNS DA XUNTA NESTE ÁMBITO

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2010.- O Grupo Popular sitúa á comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos  como un dos retos do futuro máis importantes para o mundo do mar e nese sentido presentou unha iniciativa no Parlamento preguntando á Xunta polas principais liñas de actuación que ten previsto desenvolver nese ámbito. Para o voceiro do Mar do PPdeG,  José Manuel Balseiro, o peixe e marisco galego, así como outros produtos pesqueiros e marisqueiros capturados pola flota galega teñen un grande recoñecemento no resto de España, e incluso internacional, pola súa excelente calidade e salientables características nutricionais. “Acadado este obxectivo a principal aspiración hoxe ten que ser que os nosos produtos poidan converterse nos preferidos polos consumidores o que supón coñecer, perfeccionar e impulsar as estratexias de distribución e venda, isto é, converterse nos mellores comercializadores” indica Balseiro.  

O deputado popular afirma que non se trata de pescar e mariscar ben, algo no que Galicia é un referente indiscutible, senón tamén vender mellor, aspiración que se pode acadar cunha acción coordinada e conxunta de todo o sector e co apoio firma e decidido da Consellería do Mar. Nese sentido destacou as xuntanzas sectoriais impulsadas pola Consellería do Mar, entre elas o Encontro Pesqueiro 2010, no que produtores, consumidores e administración tiveron oportunidade de debater sobre a situación actual da cadea de comercialización.

O voceiro popular destacou que nestas xornadas se abordaron todas as cuestións de análise necesario para avanzar no reto da comercialización, tratándose dende as novas modalidades de presentación do produto na distribución ou as demandas e criterios de compra do consumidor de produtos do mar, ata temas como a necesidade de novas plataformas de comercialización.