Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2010.- Ante as declaracións feitas públicas hoxe polo secretario xeral dos socialistas galegos a través da axencia Europa Press, o Partido Popular de Galicia pídelle a Pachi Vázquez que sexa o primeiro en abandoar a demagoxia en relación cos incendios forestais e deixe de manipular con afirmacións que non son certas. A voceira de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Emma Álvarez Chao, lamenta que os socialistas “se empeñen en ofrecer unha imaxe tan bochornosa como a amosada hoxe polo señor Vázquez atacando á Xunta con falsidades para pedir a renglón seguido que non se faga demagoxia con este tema”.
Emma Álvarez lembra que o investimento en prevención de lumes aumentou malia a contención orzamentaria “despois da ineficacia absoluta do bipartito nesa materia”. Así, salienta, “despois de que socialistas e nacionalistas pasaran anos insistindo en que eles tiñan a fórmula máxica para acabar cos incendios, que baseaban en intensificar as políticas de prevención, a realidade foi que chegaron ao Goberno e se esqueceron da prevención”. Algo que, sumado “á súa gran idea de desmantelar toda a organización que había en canto a extinción, dou como resultado a peor xestión que se recorda en loita contra incendios forestais”.
Así mesmo, a voceira de Montes do Grupo Parlamentario Popular lémbralle a Vázquez que a actual Lei de prevención e defensa contra incendios forestais “foi elaborada e aprobada polo Bipartito, do que el formaba parte” e, polo tanto, foi o Bipartito “o que trasladou aos concellos a responsabilidade de velar porque os propietarios manteñan limpos de maleza os seus predios e o que os obrigou a manter franxas de seguridade arredor dos núcleos rurais”.
RESPONSABILIDADE COMO OPOSICIÓN.- Doutra banda, a deputada salienta que “o Bipartito non foi vítima de nada como pretende facer crer o señor Váquez, senón que todos os galegos fumos vítimas da desastrosa xestión do Bipartito en 2006, cando se produciu a peor catástrofe por incendios forestais dos últimos 20 anos”. Para Álvarez, “é o colmo que os membros do anterior Goberno se presenten agora como vítimas daquel desastre, que acadou as proporcións que acadou por culpa dunha xestión descoordinada, inexperta, obsesionada por borrar todo o bo que se tiña feito antes e polo tanto irresponsable”.
“Se o líder dos socialistas galegos tivera algo de vergonza e de dignidade, evitaría facer declaracións tan lamentables como as de hoxe, nas que incorre na contradición de pedir que non se faga demagoxia cos lumes ao mesmo tempo que, cando aínda acabamos de enterrar a dous brigadistas, non espera un minuto en impulsar a polémica con falsas acusacións contra a Xunta en lugar de sumarse ao necesario esforzo de todos para acabar cos criminais”.
Os socialistas “teñen a oportunidade de demostrar responsabilidade como oposición e dedicar os seus esforzos a colaborar na erradicación desta lacra en lugar de utilizala tan torpemente para montar liortas políticas inútiles e inoportunas”.