Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SUBLIÑA A IMPORTANCIA DO ACORDO ACADADO ENTRE MAR E AS FEDERACIÓNS DE CONFRARÍAS PARA IMPULSAR A PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NO ÁMBITO DA BAIXURA

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2010.- O Grupo Popular ven de subliñar a importancia do acordo acadado entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e ás federacións provinciais de A Coruña, Lugo e Pontevedra para por en marcha accións en materia de prevención de riscos laborais no ámbito específico da pesca de baixura. Nese sentido o voceiro do Mar do PPdeG, José Manuel Balseiro, ven de interesarse no Parlamento polas tarefas de apoios aos homes e mulleres do mar que neste ámbito ten previsto prestar a Xunta de Galicia.

Balseiro Orol indicou que entre as actuacións que se porán en marcha tralo acordo acadado destacan a realización de estudos epidemiolóxicos e recoñecementos médicos aos autónomos, cursos de formación específico para este colectivo e  plans de prevención para quen voluntariamente soliciten a colaboración dun servizo de prevención mancomunado.  Este acordo, que segundo indica o deputado popular xorde como unha nova canle de colaboración entre a administración e as confrarías de pescadores para concienciar e sensibilizar aos homes e mulleres do noso mar, forma parte do Plan de Actuación 2010 do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

O deputado do PPdeG  salienta a importancia destas actuacións tendo en conta que o sector das artes menores en Galicia ocupa a máis de 7.500 persoas , o que representa un 8% das toneladas de pesca fresca descargadas en lonxa durante o ano 2009 e un 20% máis de 422.000.000 euros acadados na primeira venda.

SERVIZO MANCOMUNADO.- Na iniciativa parlamentaria o voceiro do Mar pregunta se existe xa un servizo de prevención mancomunado constituído no sector da pesca e que tarefas de apoio está a prestarlle a Xunta. Así mesmo solicita  coñecer con detalle os  compromisos acadados no acordo asinado entre a Xunta e as federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores. Tamén pregunta polas  xestións específicas que teñen previsto desenvolverse no ámbito do marisqueo a pé no tocante á dotación de novos equipos de protección individual e sobre a creación dun grupo de traballo para o deseño dun traxe que garanta unha mellor flotabilidade dos mariñeiros, actuación que xa adiantou a Xunta de Galicia que ía facer. Por último na iniciativa o Grupo Popular se dirixe a Xunta para que, tendo en conta que este sector da pesca de baixura e artes menores está composto maioritariamente por pequenas empresas e autónomos, cal vai a ser o aforro medio que implican os servizos ofertados ao abeiro do acordo.