Santiago, 13 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro considera vergoñenta a actitude do PSdeG-PSOE que pretende “escorrer o vulto” no tocante á problemática xurdida coa regularización das embarcacións pesqueiras culpando á Xunta nun ámbito de competencia do Goberno do Estado e polo que a administración socialista central meteu á flota nun “calexón sen saída” mentres se negue a resolvelo.
Balseiro subliñou que desde o primeiro momento o PSOE intenta eludir a responsabilidade do Goberno central neste ámbito pero todos os homes e mulleres do mar que tramitan a regularización das súas embarcacións son “plenamente conscientes de que quen está a comportarse como un obstáculo en todo este proceso é a propia administración central”. De feito, o voceiro popular lembrou que a razón pola que 562 solicitudes recibiron unha comunicación desfavorable para a súa regularización en Galicia radica nun informe negativo da Secretaría General del Mar, dependente do Ministerio de Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.
A este respecto, o parlamentario popular pediu a dimisión de Marisol Soneira por “ser inconcibible que unha representante pública lle pida a unha administración que prevarique”, toda vez que a Xunta non se pode apartar do informe emitido por Madrid. Neste senso, Balseiro tamén se preguntou que leva a Marisol Soneira a ocultar a existencia destes informes e a atacar á Consellería do Mar cando coñece, ou debera coñecer estes documentos e as competencias que cada administración ten neste proceso. Unha vez máis, o voceiro popular instou á parlamentaria socialista a cambiar de asesora, xa que “só a leva de erro en erro, o que lle está fomentando unha imaxe de persoa desinformada e carente de rigor”.
O GOBERNO CENTRAL, ÚNICO COMPETENTE.- Jose Manuel Balseiro insistiu na “desvergoña” que preside as declaracións dos socialistas neste asunto, xa que os trámites políticos para o desbloqueo desta situación “só os pode facer Madrid”, porque é da súa estrita competencia. Neste senso lembra que foi a propia Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño Elena Espinosa quen, con ocasión dun encontro co sector durante unha visita a Vilagarcía de Arousa celebrada o 23 de maio de 2005 deixou claro que só a administración central e os seus órganos dependentes “son os competentes para resolver este proceso, toda vez que subliñou que a administración autonómica é incompetente neste ámbito”. Amais, tamén apuntou ao dobre discurso que manexan os socialistas, xa que aquí din querer solucionar o proceso e en Madrid votan en contra dunha proposición de lei do Grupo Popular no Congreso que achegaría unha saída ás embarcacións a regularizar.
Por todo isto, o portavoz de asuntos marítimos non comprende “que intereses moven ao Goberno socialista central para deixar fóra da lei e impedir o despacho de máis de medio millar de embarcacións galegas” e moito menos que “sendo eles os que están a obstaculizar todo o proceso, salgan agora desde o PSdeG reclamando que a Xunta dea solución a unha problemática que eles mesmos xeraron”.