Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A CONTINUAR E ESTENDER A TODAS AS ZONAS AFECTADAS AS CAMPAÑAS DE TRATAMENTO CONTRA O GORGULLO DO EUCALIPTO E O ESCARABELLO ALTICA DO CARBALLO

Santiago, 11 de agosto de 2010.- O Grupo Popular, a través da deputada Emma Álvarez Chao, ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento na que insta á Xunta a continuar e estender a todas as zonas afectadas as campañas de tratamento contra o Gonipterus scutellatus, máis coñecido como gorgullo do eucaplipto, e o escarabello Altica do carballo.

Na súa proposición non de lei, Álvarez Chao solicita tamén que se faga un seguemento do traballo que se está a realizar para tratar ambas pragas. No caso do gorgullo do eucalipto, localizado en 1991 en Lourizán, está considerada unha das maiores pragas de importancia forestal nas plantacións desta especie. Este insecto coleóptero aliméntase da folla, provocando defoliación nas masas e producindo unha notable diminución na taxa de crecemento anual das árbores afectadas.

No que atinxe ao Altica quercetorum, está a afectar de xeito importante ás plantacións de carballo do interior das provincias de Ourense e de Lugo. Trátase dun escarabello que produce a defoliación sobre todo do carballo, aínda que tamén afecta a outras especies como abelaira, amieiros ou vides entre outros. A súa repercusión é altamente dañina, malia que non adoita causar a morte das árbores.

A Altica chegou a Galicia en 1981, concretamente á provincia de Pontevedra e os primeiros danos de certa intensidade obsérvanse en 1982 en Ourense, en 1992 na provincia de Lugo e algúns focos na Coruña. A súa maior incidencia dase no interior de Galicia, sendo os concellos máis afectados Pantón, Sober, Monforte, A Pobra de Brollón, Sarria, O Incio, Bóveda, Navia de Suarna, O Saviñao, Ribas do Sil, Quiroga e Chantada, na provincia de Lugo; e Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia, Sarreaus, Trasmiras, A Merca, Barbadás, San Cibrao das Viñas, Celanova, Ourense, Amoeiro, Cartelle, Taboadela, A Bola e Allariz, na de Ourense.