Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR CONSIDERA UNHA BROMA DE MAL GUSTO QUE O BNG SE PERMITA DAR LECCIÓNS SOBRE LOITA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

Santiago, 11 de agosto de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular considera unha broma de mal gusto que o BNG se permita dar leccións sobre loita contra incendios forestais cando todos os galegos lembran a súa desastrosa xestión nese eido na súa etapa no Bipartito. A portavoz de Montes dos parlamentarios populares, Emma Álvarez Chao, lembra que os nacionalistas tiñan a responsabilidade na materia en 2006, cando se produciu a maior catástrofe por lumes nos montes dos últimos vinte anos “pola súa ineficiencia”.

“Diríase que os nacionalistas perderon a memoria”, sinala a deputada do PPdeG, para quen “resulta incrible que esquezan algo tan inesquecible como as preto de 100.000 hectáreas arrasadas e as catro vítimas mortais daquel agosto negro de hai catro anos”, ademais “dos desaloxos, a fauna afectada e a alarma social creada por unha xestión descoordinada e totalmente ineficaz que mesmo obrigou aos propios cidadáns a loitar contra o lume cos seus propios medios ao verse totalmente abandonados pola Xunta”.

POLÍTICA INFORMATIVA.- En canto á política informativa, a portavoz de Montes dos deputados do PPdeG salienta que a Consellería de Medio Rural aplica “unha transparencia total” respecto aos lumes fronte ao ocultismo que practicou o Bipartito a partir do desastre de 2006. “Naquela etapa, os responsables de Medio Rural ofrecían toda a información mentres as cousas ían ben, pero en canto se viron desbordados polo seu propio desastre deixaron de informar e pasaron a ocultar e a manipular os datos tanto como puideron”, apunta. Así, considera “unha mostra de cinismo” que tanto nacionalistas coma socialistas “aparezan agora publicamente pedindo unha transparencia informativa que hoxe si existe e que eles se negaron a practicar cando gobernaron”, etapa na que “mentres practicamente todos os galegos estaban rodeados polo lume, os membros daquel goberno se empeñaban en minimizar a situación e asegurar que todo estaba controlado”.  

A deputada defende que a política informativa da actual Consellería “é a correcta” por canto se informa automaticamente de todos os lumes que afectan a máis de 20 hectáreas “tendo en conta que en toda Europa só se consideran grandes incendios os de máis de 500 hectáreas” e se facilitan todos os datos que os medios de comunicación demandan, independentemente do tamaño do incendio.

Así mesmo, Emma Álvarez considera que os nacionalistas “non teñen credibilidade nin forza moral para falar de aspectos como a prevención, xa que na súa etapa á fronte da Consellería non fixeron nada nese eido”. 

O PPdeG fai un chamamento aos restantes grupos políticos para unir esforzos na loita contra os incendios forestais, en lugar de “utilizalos como arma política”, xa que “iso constitúe unha estratexia que non leva a ningures, que non achega solucións e que é o contrario do que os cidadáns esperan de todos nós”. Nese sentido, lembra que os propios representantes do BNG pediron en diversas comparecencias parlamentarias alonxar a loita contra os incendios da polémica política.