Partido Popular de Lugo

BALSEIRO OROL: «AO PSdeG ATRAGÓASELLE O ÉXITO DO ACTO DE RECOÑECEMENTO DOS 20 ANOS DE SERVIZO PÚBLICO DOS GARDACOSTAS DE GALICIA”

Santiago, 11 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, afirma que aos socialistas galegos atragoóuselles o éxito acadado polos actos de conmemoración e recoñecemento dos 20 anos de servizo público dos Gardacostas de Galicia, que tivo lugar nas pasadas datas na cidade de Vigo, organizado pola Consellería do Mar. Só deste xeito poden interpretar as críticas efectuadas desde o PSdeG en relación con este evento.

«O que de verdade lle doe aos socialistas galegos é ter que aceptar que hoxe dispoñemos dun equipo de profesionais e duns medios técnicos que son un referente en toda Europa e a nivel mundial, e que o devandito Servizo naceu fai dúas décadas grazas ao compromiso e impulso dun goberno do Partido Popular, que novamente nesta lexislatura volveu a apostar por el, mellorando a súa actividade e gañando en operatividade”- explica Balseiro Orol. O parlamentario popular xustifica a presenza de Enrique López Veiga, exconselleiro de Pesca do último Goberno Fraga, “por ser a Administración autonómica, baixo a súa dirección, a que promoveu a creación dos Gardacostas de Galicia e a que os dotou da maioría das embarcacións e medios de apoio dos que hoxe dispón”.

Balseiro tamén quixo clarexar que ao acto de celebración dos 20 anos de actividade dos Gardacostas de Galicia estaban convidados todos e cada un dos membros da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, pertencentes a todos os partidos políticos con representación na Cámara, tal e como puido comprobar persoalmente por ser el mesmo un dos membros e, polo tanto, non cabe afirmar que o mesmo se desenvolvera con sectarismo, como así din dende o PSOE. “Este tipo de comportamentos diferenza dun modo relevante a acción da actual Consellería coa anterior, moito máis dada a converter a administración da Xunta nunha prolongación partidista dos socialistas e dos nacionalistas”.

ROSA QUINTANA VOLVE A APOSTAR POLOS GARDACOSTAS.- O voceiro popular do Mar tamén lembra que non foi ata a chegada á responsabilidade de Goberno do equipo que dirixe a conselleira Rosa Quintana ata o momento no que se recuperou o compromiso con este Servizo e, nesa liña, insiste nas últimas decisións adoptadas desde a Xunta: dobrou a tripulación dos helicópteros, tanto en Vigo como en Celeiro, que están operativos hoxe ás 24 horas do día os 365 días ao ano, e tamén para recuperar a operatividade das embarcacións dos Gardacostas “amarradas irreversiblemente nos portos durante a maior parte da pasada lexislatura, como mostra evidente da pasividade do Goberno bipartito”.

Como dato significativo Balseiro lembra tamén que “o PSOE só deixou andando as obras de adecuación do hangar de Vigo, para acoller a dobre tripulación, pero tanto a súa execución final, como a dotación tamén desta dobre tripulación e as obras convenientes nas instalacións do helicóptero con base en Celeiro, como os novos buques e materiais dos que dispón este servizo son resultado das xestión da Xunta de PPdeG”. 

O voceiro do Mar considera que as críticas do PSOE non son máis ca unha prolongación das xa efectuadas en días pasados polas liñas de colaboración que botaron a andar desde a Consellería do Mar coa Axencia Europea de Seguridade Marítima para a cesión dun equipo de limpeza a EEUU, que será empregado na zona do Golfo de México afectada polo vertido petrolífero. “Son, como aquelas, críticas baleiras de contido, porque antes non tiveron máis remedio que recoñecer que coñecían o convenio con EMSA e que lles parecía ben, e logo diso saen cuestionándoo, actuando contra os seus propios actos”.

OS SOCIALISTAS DEBERAN SUMARSE.- Jose Manuel Balseiro amosou a súa satisfacción persoal e política polo funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia durante estos 20 anos e insistiu en que ante devandito recoñecemento os socialistas o que deberan facer é unirse na felicitación e non efectuar unha tras outra continuas críticas. Finalmente insistiu en que o acto organizado pola Consellería do Mar no “cumpreanos” dos Gardacostas respectou de xeito escrupuloso o espírito de austeridade que preside a actuación da Xunta de Galicia, e para deixar claro esta cuestión anuncia a presentación de sendas iniciativas parlamentarias que a bo seguro así o determinaran, eliminando as infundios e dúbidas que contra a Consellería do Mar e contra o Servizo de Gardacostas pretenden xerar desde o PSdeG. Balseiro contrapón ademais “o despilfarro, a pompa e o boato” empregada polo ministro socialista de Fomento, Jose Blanco, na presentación do proxecto de nova base para os  medios de salvamento e anti-contaminación de Vilar do Colo (Fene), na que incluso empregáronse custosisimas técnicas virtuais “para presentar o que por agora é pouco máis ca publicidade e unha parcela chea de toxos”.