Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, asegura que Marisol Soneira, portavoz socialista de pesca,no seu afán desmedido por gañar algo do protagonismo informativo emprega a crítica “despiadada e baleira de contido”, o que lle leva incluso a cuestionar un bo exemplo de coordinación e cooperación entre administracións na loita contra a contaminación mariña. Balseiro non comprende como é posible censurar sen ruborizarse que a Xunta de Galicia colabore coa Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) coa cesión a EEUU dun equipo de recollida de petróleo que ten prevista a súa participación na limpeza do Golfo de México.
Balseiro sinalou que os socialistas deberan coñecer que a Xunta e EMSA comparten o frete do buque “Ría de Vigo” -onde está instalado o aparello de absorción de hidrocarburos-, e participa incluso no seu financiamento (achegando un millón de euros).
Segundo Balseiro nos últimos tempos as declaracións da deputada socialista “son máis propias dun hooligan político ca dunha parlamentaria galega”, e todo iso porque durante o último ano cada vez que distribúe unha nota de prensa ou realiza unha rolda informativa “mete a pata, e pese a iso, non rectifica unha coma nas súas palabras”. O voceiro popular empraza á portavoz socialista a que prescinda da súa asesora nesta materia –facendo mención as informacións que apuntan unha total dependencia da estratexia desta portavocía das instrucións da exconselleira do Mar, Carmen Gallego- e urxe ao PSOE a que tome “cartas no asunto, e substitúa a Marisol Soneira como portavoz de asuntos pesqueiros dada súa manifesta incapacidade”.
Para Balseiro Marisol Soneira actúa movida por una animadversión esaxerada contra a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, incluso chegando a criticala reclamando a aplicación da pena capital, declaracións que aínda non foron rectificadas publicamente e polas que non foi amoestada polo seu Grupo Parlamentario-. O voceiro popular lamenta que o PSOE lonxe de abandonar esta estratexia continúe nesta liña de “criticar por criticar, incapaz de achegar ningunha medida construtiva a prol dos intereses dos homes e mulleres do mar”.