Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Zapatero demostrouse incapaz de resolver a situación económica e por iso agora temos que estar tutelados polas institucións europeas”

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2010.- O vicepresidente do PPdeG, presidente do PP provincial de Lugo e senador na Cámara Alta, Xosé Manuel Barreiro, valorou negativamente nunha entrevista na páxina web do PPdeG (www.ppdegalicia.com) a xestión económica do Goberno central e, concretamente, de Zapatero como presidente.

Segundo Barreiro, ante a crise económica, o Goberno de España “non actuou cando tiña que facelo e non actuou do xeito que tiña que actuar”, ignorando as recomendacións non só do PP, senón tamén as de institucións económicas de ámbito nacional e internacional como o propio Banco de España, ou o Fondo Monetario Internacional. Neste sentido, o popular afirma que, debido a isto, o Executivo central só conseguiu agravar a situación e finalmente a Comisión Europea viuse na necesidade de obrigalo a adoptar medidas en contra do que facía poucos días asegurara que non ía levar a cabo, como rebaixar os soldos dos funcionarios ou botar man ás pensións.

Barreiro sentencia que Zapatero “demostrouse incapaz de resolver a situación económica e por iso agora temos que estar tutelados polas institucións europeas”, o que xera “un problema de credibilidade que dá lugar a unha desconfianza” e que pon a situación de España baixo “ameazas de baixa na calificación por parte das axencias” e “cun incremento importante na prima de risco”.

MOCIÓN NO SENADO CONTRA A SUBIDA DO IVE.- Do mesmo xeito, o senador popular critica a medida de Zapatero de subir un imposto como é o IVE, que “efectivamente afecta a todos aqueles que teñen unha peor situación económica, porque non discrimina en función do nivel de renta nin nada polo estilo”. Segundo explica na entrevista, iso foi o que levou aos populares “a tratar de presentar unha iniciativa para que o Goberno reconducise a situación, por así dicilo” e lembra que esta foi respaldada co apoio maioritario do Senado “pero como se acaba de comprobar o Goberno non fixo caso”. Con respecto a isto, Barreiro indica, indignado, que Zapatero “non só non fai caso dos acordos que aos que se chega nun Senado senón que ademais aplica un incremento de impostos, e dun imposto en particular, que o que vai provocar é unha situación de recesion económica máis grave aínda que a que estamos vivindo e que ademais se vai deixar sentir máis nas clases máis débiles económicamente”.

Para o popular, estamos, polo tanto, ante un Goberno que “non ten rumbo en materia económica, senón que está vendo o que lle impoñen de Europa ou cómo van evolucionando as cousas” e, neste sentido, critica que o equipo de Zapatero esperase moito a tomar medidas, entre outras cousas, porque “non se quería recoñecer a propia crise económica” e, en consecuencia, “atopámonos con máis de catro millóns de parados, cun 20% de paro, cun déficit por riba do 11% e cunha situación económica que é a peor, ao menos no que se refire a destrucción de emprego”. Segundo insiste, “isto provocouse pola ineptitude do presidente de Goberno de España e do seu equipo económico e por non querer facer paso ás propostas que de xeito reiterado se lle veñen plantexando desde o PP”.

O PLAN DE AXUSTE.- Como explica Barreiro, os populares non votaron o plan de axuste do Goberno socialista porque se  trataba de algo que se puido ter evitado de seguir no seu momento as receitas axeitadas e, pola outra, porque había outras medidas, “fundamentalmente medidas de austeridade, é dicir, de adelgazamento da estrutura do Estado e de aforro nas contas públicas”, que evitarían que se lles rebaixase o soldo aos funcionarios ou que se conxelasen as pensións.

Polo tanto, para o popular a pregunta que cabía facerse era se realmente era necesario facer un plan de axuste e de reequilibrio “sobre os máis febles” e engade que “a nosa resposta é que non”. Segundo matiza, todo iso puídose ter evitado se Zapatero seguise as fórmulas que o Goberno de Feijóo leva aplicando en Galicia desde hai máis dun ano.  

A respecto disto, o popular sentencia que a diferenza que hai entre os Gobernos galego e español é que “ en Galicia hai rumbo, porque hai quen marca o rumbo que é Feijóo e en España non hai rumbo porque o señor presidente do Goberno non sabe a onde quere ir e está levando a este país a unha situación francamente complexa”. 

SOLUCIÓN: GASTAR MÁIS NA SOCIEDADE E MENOS NO GOBERNO.- Para Barreiro, o Goberno central “está facendo moito dano á credibilidade do noso país como potencia económica” e contrasta iso coa actitude dos populares que “somos xente comprometida co país e ca solución dos problemas do país e non cunha mera actuación cortopracista que o único que busca actuando desta forma é obter dez votos máis”.

Con respecto a isto, asegura que hai unha frase que lle escoitou ao presidente do Goberno galego, Feijóo, que reflicte cómo debería actuar un Executivo que é que: “hai que facer un esforzo en gastar máis na sociedade e menos no Goberno” e indica que o líder do PPdeG isto aplicouno fielmente en Galicia, adelgazando a Administración e sen rebaixar o gasto social ou o esforzo en sanidade. “Desgraciadamente, Zapatero e os seus compañeiros demostraron que non son capaces de aplicar ese tipo de políticas que redunden en beneficio da sociedade”.