Partido Popular de Lugo

Novas Xeracións de Becerreá presentan batalla en Internet

Lugo, 5 de agosto de 2010.- As Novas Xeracións do Partido Popular de Becerreá amósanse dispostas a dar a batalla tamén na internet e para iso convidan a todos os veciños e, de xeito especial, á xuventude local a visitar o seu espazo blog: www.novasxeracionsbecerrea.es

Malia que a súa presentación oficial para afiliados e simpatizantes realizouse con ocasión dun xantar de confraternidade celebrado o pasado 3 de agosto, coincidindo coa primeira feira do mes, hoxe quixeron facer un chamamento a todos os  veciños para que visiten este portal cuxa principal finalidade  “é servir de espazo de información e participación, a través do que poderán facernos chegar todo tipo de suxestións, así como dar a coñecer a organización político-xuvenil do Partido Popular de Becerreá”.

Novas Xeracións tamén estará presente nas principais redes sociais facebook e twitter nas que queren sumar novos seguidores. Ademais incluirán todas as novas sobre actualidade local, disporase dun espazo para o acceso a través do móbil, enlaces aos álbums de fotos coas distintas actividades organizadas polo colectivo e numerosos artigos de opinión.

Neste proxecto os mozos populares de Becerreá estiveron arroupados por unha ampla representación da Executiva de Novas Xeracións da Provincia de Lugo, incluído o seu Presidente, Daniel Vega e a actual vicepresidenta autonómica, Cristina Rois. Tamén acudiron mozos procedentes dos concellos de Triacastela, Cervantes e Navia de Suarna dándolle ao evento a categoría de xuntanza comarcal.

Na actualidade a directiva de Novas Xeracións de Becerreá está composta por Fermin Santin Mon (Presidente) Manuel Gonzalez Vilela (Secretario), Virginia Perez Novelle (Tesoureiro),  Javier Alvarez Fernandez, Alvaro Galvan Montaña e Manuel Fernandez Castro como vogais.