Partido Popular de Lugo

O PPDEG LÉMBRALLE A AGAMAR QUE A SÚA EX SECRETARIA XERAL, A EX CONSELLEIRA SOCIALISTA DE PESCA CARMEN GALLEGO, TIVO CATRO ANOS PARA MODIFICAR A NORMATIVA QUE OBRIGA A PASAR RECOÑECEMENTOS MÉDICOS PARA A OBTENCIÓN DO PERMEX E NON O FIXO

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, lembroulle a asociación AGAMAR que a súa ex secretaria xeral, a ex conselleira socialista de Pesca Carmen Gallego, que xestionou durante a pasada lexislatura este departamento autonómico durante o Goberno bipartito, tivo catro anos para modificar a normativa que obriga a superar recoñecementos médicos para a obtención do permex e non o fixo.

Os populares aclaran que Orde do 31 de maio de 1995 é a que regula este aspecto de acreditación da condición física para a obtención de permex. Desde ese momento e ata o día de hoxe, os apartados relativos a este aspecto non foron modificados, polo tanto dende o 1 de xullo 1995 solicítase como un dos requisitos a acreditación da condición física para o primeiro outorgamento de pérmex e cada 5 anos para a súa renovación. Cabe salientar neste sentido que o goberno bipartito modificou o decreto ao que se acolle esta orde (decreto 425/1993 do 17 de decembro), sen abordar cambio algún neste aspecto.

Balseiro Orol lamenta que unha organización como AGAMAR estea a ser instrumentalizada polo PSOE non para a defensa dos intereses do sector do marisqueo senón como medio e crítica permanente do PSOE nunha errada estratexia de confrontación coa Xunta. Só así se pode entender que agora critiquen unha normativa que leva anos vixente e á que non deron mostras de opoñerse durante os catro anos de Goberno bipartito cando a súa ex-secretaria xeral foi conselleira e podía decidir sobre o aspecto agora demandado.

Finalmente os populares galegos amosaron a súa sorpresa porque unha organización sectorial estea en contra duns recoñecementos médicos chamados a garantir a seguridade e saúde dos homes e mulleres do mar, e deste xeito, unha maior protección fronte aos riscos laborais que implica unha profesión de grande complexidade e dureza.