Partido Popular de Lugo

O PPdG REXEITA AS CRÍTICAS DE AGAMAR FRONTE A XUNTA ANTE O PROCESO DE REGULARIZACIÓN DE EMBARCACIÓNS PESQUEIRAS E LÉMBRALLE QUE A MINISTRA ELENA ESPINOSA RECOÑECEU QUE O GOBERNO CENTRAL ERA A ADMINISTRACIÓN COMPETENTE NESTE ÁMBITO

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, asegurou non comprender nin considerar acertadas as críticas dirixidas contra a Xunta desde un colectivo -AGAMAR- en relación co proceso de regularización das embarcacións pesqueiras. Segundo Balseiro Orol resulta sorprendente observar como desde este colectivo próximo ao PSOE realizan determinadas protestas modulando os seus argumentos en función do vento político, e neste caso, acusando á Xunta de Galicia do atranco no proceso de regularización pese a ser un ámbito de competencia propia do Goberno central.

O voceiro popular quixo lembrar que foi a propia Elena Espinosa, Ministra de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño quen, en declaracións públicas con ocasión dun encontro co sector en Vilagarcía o 23 de maio de 2005, deixou claro que a administración autonómica é incompetente neste ámbito e que polo tanto non compete á Xunta ofrecer unha solución que solo depende da vontade e do interese do Goberno central. Nesta mesma liña Balseiro Orol insistiu en que é moi pouco rigoroso que un colectivo do ámbito do mar arremeta contra a Xunta pese a ser plenamente conscientes de que a administración autonómica non ten asumida a capacidade resolutoria nos expedientes de regularización de embarcacións pesqueiras e que simplemente se poden limitar a aplicar os criterios incluídos nos informes efectuados polas Capitanías Marítimas e outras organizacións dependentes do Goberno de Madrid.

José Manuel Balseiro Orol insistiu en subliñar a discrepancia existente entre os argumentos críticos coa Xunta de AGAMAR e o propio recoñecemento pola Ministra do MARM, da plena competencia do Goberno central neste ámbito e instoulles a que, de amosarse interesados de verdade por este asunto, a que actúen en consecuencia e redirixan as súas críticas e petición de explicacións diante do Executivo socialista de Zapatero.

O PP PROMOVE SOLUCIÓNS, O PSOE AS OBSTACULIZA.- Finalmente o voceiro dos Mar dos populares galegos quixo lembrar que si existe unha forza política comprometida coa defensa do sector pesqueiro galego esta é o Partido Popular, que promoveu diversas iniciativas ofrecendo solucións ás distintas problemáticas acontecidas no proceso de regularización –entre elas a petición dunha ampliación do prazo establecido pola lei-,  evitando así que  centos e incluso miles de embarcacións en Galicia queden fóra da lei e polo tanto non podan ser despachadas para usos pesqueiros. 

Balseiro Orol tamén explicou que, conscientes desta problemática, o Grupo Popular defendeu unha proposición de lei no Congreso dos Deputados que achegaba solucións pero que, inexplicablemente, topouse co voto en contra do PSOE e polo tanto, co desprezo do partido que sustenta a acción do Goberno central.  Segundo o voceiro de asuntos marítimos do PPdeG, con esta actuación retratouse a verdadeira posición do PSOE e do Goberno central neste ámbito, e polo tanto, a súa falta de vontade para ofrecer unha solución en vía administrativa e regulamentaria para evitar a falta de regularización de moitas das embarcacións que hoxe operan no noso país.