Partido Popular de Lugo

O VOCEIRO DO MAR DO GRUPO POPULAR ACUSA A AYMERICH DE FALAR CON IGNORANCIA E DE POÑER EN RISCO A ACTIVIDADE DE DAS PERSOAS QUE EN GALICIA TRABALLAN NO MARISQUEO

Santiago, 31 de xullo de 2010.-  O voceiro do mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, arremeteu no día de hoxe contra o portavoz nacionalista Carlos Aymerich despois de que este chegase a afirmar que se estaba a poñer no mercado marisco “sen as debidas garantías sanitarias”. Balseiro atribuíu as devanditas afirmacións de Aymerich “á ignorancia e descoñecemento que este señor ten en temas de pesca” e a unha “obsesiva pretensión dos nacionalistas por gañar titulares, empregando o alarmismo, aínda que sexa a costa de poñer en risco a actividade dun sector, o do marisqueiro en Galicia, no que traballan, só a pé, arredor de 3.800 persoas”. 

Balseiro subliñou que “alguén que ostenta a responsabilidade política de líder parlamentario dun dos grupos da oposición non pode falar con tanta ignorancia e descoñecemento, sen ser consciente do dano que as súas palabras poden causar no conxunto do sector” e, tras valorar positivamente o ofrecemento feito pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana, para explicarlle ao nacionalista o funcionamento de servizos como o INTECMAR encargado do control do marisco galego que chega aos mercados, insistiu en que o mínimo que espera de Carlos Aymerich é que “rectificara de xeito tallante as súas palabras, pida desculpas ao marisqueo e, cara o futuro, se informe antes de dicir o primeiro que lle vén á cabeza”.

O BNG PON EN XAQUE A PRODUTORES E  DEPURADORAS.- Balseiro insiste en que Aymerich debera explicar en que se basea para dicir que as análises que efectúa a Xunta para determinar a calidade dos moluscos bivalvos “carecen de rigor” e lémbralle que a práctica totalidade das zonas de produción en Galicia están catalogadas como zonas B –ao igual que a parte externa da ría do Burgo- e o marisco  procedente destes espazos pasa por estritos controis sanitarios coas máximas garantías sanitarias. “De feito ningún destes mariscos previamente depurados deu lugar a  alerta sanitaria algunha”- subliña Balseiro, dato que botaría por terra as afirmacións do portavoz nacionalista. O voceiro popular considera incomprensible que o nacionalista “poña en xaque o propio sistema de control e a actividade e profesionalidade dos produtores e depuradores galegos”.

Desde o Grupo Parlamentario Popular lamentan que Aymerich entre na cuestionable dinámica de defender “posturas moi respectables, pero minoritarias” empregando argumentos “falsos e alarmistas” que ademais “poñen en risco o traballo e a rigorosidade da maioría das e dos mariscadores galegos”. Malia que considera lexítimo –aínda que non as comparte- que Carlos Aymerich asuma como propias as críticas da Confraría da Coruña despois de que se reabriran algúns dos seus espazos marisqueiros, subliña que “sobre todo no momento que vivimos, resulta absolutamente esperpéntico observar como se está a criticar á Xunta, e esixir a dimisión dunha Conselleira por ofrecer a posibilidade de traballar”. De feito unha postura tan cuestionable como esta “terán que explicala ao conxunto dos parados de Galicia”.

DESCRÉDITO DOS MARISCADORES.- Jose Manuel Balseiro sinalou que, con esta actitude, o nacionalista se empecina en defender os intereses económicos minoritarios daqueles que están a gañar moitos cartos coas axudas da Consellería polas zonas C e desacreditando, en cambio, o produto e o traballo daqueles cuxos ingresos son obtidos mariscando con todas as garantías sanitarias. Así, Balseiro, anunciou que pedirá os datos para saber “de certo, canto se gana a través dos convenios e canto baixando a traballar ás praias” e poder “facerse unha idea de cal das dúas opcións compensa máis”. Ademais, o voceiro popular chama á sensatez a Aymerich como fixeron os tres grupos políticos, incluído o seu propio, na cidade da Coruña ao expresar publicamente que entenden que “se a Consellería abre a Ría ao marisqueo é porque está en condicións”. Xa por último, explicou que a Xunta de Galicia está a desenvolver importantes esforzos para formular e apoiar proxectos de rexeneración “para ampliar as zonas de produción de marisco, para incrementar o número de empregos”, así como programou tamén un importante esforzo económico para sanear de forma definitiva as rías galegas.