Partido Popular de Lugo

Dámaso López asegura que a continuidade do CIM de Monforte non corre ningún perigo

Monforte, a 26 de xullo de 2010.- O deputado popular Dámaso López asegura que a continuidade do Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte non corre ningún perigo no que atinxe á financiación que aporta á Xunta e lamenta que a responsable da área de Igualdade e Benestar Social Ana Casal “se sume ó carro dos seus compañeiros de goberno e recurra a mentiras para criticar á Xunta e para fomentar a alarma entre os veciños de Monforte”.

López remítese o anuncio publicado pola Secretaría Xeral de Igualdade no DOG do pasado venres “para desmentir todo o que dixo Ana Casal”. O citado anuncio fai precisamente referencia ás bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais titulares de centros de información ás mulleres e que establece que os concellos poderán recibir ata 45.000 euros para este obxectivo.

Segundo explica o deputado popular baseándose na información do DOG, eEstas axudas económicas repartiranse en dúas liñas de apoio diferenciadas, unha para o financiamento do gasto de persoal, e outra para a realización de proxectos formativos para mulleres. No primeiro caso, as entidades locais titulares de CIM poderán solicitar unha subvención para o mantemento dos centros en función dos postos de traballo do seu cadro de persoal. Cando os postos de traballo estean ocupados por persoal funcionario ou laboral fixo con formación acreditada en xénero, os concellos e mancomunidades poderán recibir ata 20.000 euros por cada traballador estable a tempo completo e 10.000 no caso de que a contratación sexa a tempo parcial.

Os concellos, ademais, poderán solicitar unha axuda económica de ata 14.000 euros por cada especialidade no caso de contratacións laborais temporais ou contratacións mercantís.

Deste xeito, enfatiza o deputado popular, a Secretaría Xeral de Igualdade permite ós CIM cubrir os custos da contratación eventual de profesionais con funcións de asesoramento xurídico e psicolóxico das mulleres.