A Mariña, 21 de xullo de 2009.- O Diario Oficial de Galicia (DOGA) publica no día de hoxe a orde de axudas pola que a Xunta de Galicia vén a investir 200.000 euros para compensar os danos provocados polas inundacións nos establecementos turísticos. As intensas choivas acaecidas os días 9 e 10 de xuño afectaron á Mariña lucense e a concellos limítrofes polo que estas axudas, teñen por obxecto atender as necesidades dos colectivos máis prexudicados e contribuír, de forma decidida e con todas as garantías procedimentais, a rexenerar e a reactivar a actividade turística nas zonas afectadas polas inundacións.
Segundo o establecido na Orde que se fai pública no día de hoxe, poderán solicitar estas axudas os titulares de establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís e por danos acontecidos nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais e industriais afectos a estas actividades.
PRAZO.- O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. (Antes do 23 de agosto, por ser o 22 domingo, día inhabil).
CARÁCTER SUBSIDIARIO E COMPLEMENTARIO.- A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarios os afectados. Non obstante, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde terán carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.
MODELOS NORMALIZADOS.- As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados que se inclúen como anexo I da Orde publicada no DOGA. As solicitudes presentaranse na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nos portelos únicos dos Concellos ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Oficinas de Correos).
Sobre este procedemento administrativo poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da consellería: (http://culturaeturismo.xunta.es/) na sua epígrafe de axudas.
b) Os teléfonos 981 54 63 60 ou 981 54 63 78 da devandita secretaría xeral.
c) A dirección electrónica axudas.turismo@xunta.es
d) Presencialmente.
RESOLTAS NUN MÁXIMO DE CINCO MESES.- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo a memoria e o proxecto básico presentados, de maneira que se manteña a situación existente antes de producirse o temporal.