Lugo, a 16 de xullo de 2010.- A concesión de subvencións ás comunidades veciñais para a realización de pequenas obras é un exemplo máis, segundo indican dende o Grupo provincial do Partido Popular, da política clientelar e caciquil que practica o goberno da Deputación de Lugo.
Os populares explicaron que o pasado 13 de xullo tivo lugar a reunión da mesa de valoración para a concesión destas axudas baixo a presidencia do deputado José María Arias no transcurso da cal o delegado de cooperación cos concellos Antonio Gato limitiouse a facer entrega do listado das achegas concedidas. Dado que a concesión destas subvencións xa foran anunciadas con antelación a algúns dos beneficiarios, pediuse información sobre os criterios seguidos para proceder o reparto. Cuestión sobre a que Gato Soengas negouse a dar ningún tipo de explicación, de xeito airado ademais, comportamento que, o entender dos populares, resulta impropio dun cargo público.
Dende o GPPP reiteran que este proceder, aínda que habitual, dado que é frecuente que o goberno da Deputación se negue a dar explicacións sobre as súas actuación, pon de manifesto a falla de transparencia que impera na xestión da institución provincial.
AUSENCIA DO BNG.- O GPPP tamén chaman a atención sobre o feito de que á xuntanza non asistira ningún representante do BNG, formación que, segundo lembran, abstívose na sesión plenaria na que foron aprobadas as bases que rixen a concesión destas subvencións. Un proceso no que tampouco participaron o pasado ano. O que denota, ó entender dos populares, a falla de entendemento existente entre as dúas forzas políticas que sostentan o goberno provincial.
O GPPP tamén pon de manifesto que a metade das solicitudes presentadas polas asociacións veciñais quedaron fora deste reparto de fondos, que ascende a 2,4 millóns de euros; así como o feito curioso e tamén sospeitoso de que nun elevado número das axudas concedidas os peticionarios son membros do PSOE.
A tenor destes datos, para os populares non cabe dúbida de que o reparto destes fondos responde a criterios partidistas e que se empregan, ademais de para contentar ós amigos, para asegurar que o presidente da institución José Ramón Gómez Besteiro poida realizar un dos seus habituais periplos de autopromoción polas parroquias lucenses inaugurando obras de non máis de 12.000 euros.