Lugo, a 15 de xullo de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular fixo hoxe balanzo do terceiro ano do goberno bipartito na Deputación que, segundo indicou o seu voceiro, José Manuel Barreiro, segue a caracterizarse pola falla de transparencia na xestión, polo despilfarro e o uso sectario dos fondos, polo retraso na execución de obras fundamentais para a vertebración da provincial e polas posicións encontradas entre os integrantes do bipartito.
![]() |
Barreiro, quen compareceu acompañado polo resto dos deputados populares, destacou que “o goberno provincial saelle moi caro ós lucense, un custo que cifrou (incluindo salarios e gastos diversos) en preto de 7 millóns de euros, “para que o final acaben, por exemplo, acometendo este ano obras que xa quedaran adxudicas do anterior goberno provincial”.
A conclusión, por tanto, “é a mesma dos exercicios anteriores: na Deputación traballase moi pouco e o goberno provincial sae moi caro para o ineficaz que resulta. Gasta moitísmo en si mesmo e moi pouco na provincia”. Así, segundo indicou, só a salarios e aplicando xa a rebaixa aprobada no pleno do pasado mes de xuño, adícanse 1.391.322,3 euros ó ano (640.269,49 euros do equipo de goberno e 751.052,9 euros dos seus 27 asesores).
Suliñou, neste senso, que os tres deputados nacionalista, pese a ser partidarios de abolir a administración provincial perciben dela 165.427,73 euros e teñen asignados nove asesores. “Non está mal para non crer nesta institución”, indicou.
DESPILFARRO. O voceiro dos populares salientou que o despilfarro que caracteriza ó goberno provincial faise máis ostentoso segundo avanza a lexislatura. Así chamou a antención sobre o feito de que a partida adicada a gastos diversos duplicouse con respecto ó pasado ano e suporá “a nada desdeñable cifra de 5.428.293 euros”.
Total ausencia de xestión, descontrol no gasto e falla absoluta de transparencia que é palpable no feito de que, a día de hoxe, por exemplo, aínda non se deron as necesarias explicacións sobre os gravísimos acontecementos acaecidos no seo da institución provincial e que afectan a membros destacados do equipo de goberno como son a vicepresidenta segunda Lara Méndez e o deputado e corresponsable da área de vías e obras Juan José Valiño.
“Aínda estamos a agardar que o presidente José Ramón Gómez Besteiro dé a cara e diga qué está a pasar na Deputación despois de que o prestixio da institución quedara en entredito polas diferentes informacións publicadas nos medios de comunicación tras o levantamento do segredo de sumario da investigación xudicial aberta en Castro de Rei e na que tanto Méndez como Valiño están imputados por delitos moi graves”, engadiu Barreiro.
ENDEBEDAMENTO.- A mala xestión tamén se desprende do alto grao de endebedamento no que se atopa a institución provincial e que, ademais, non se adica precisamente a dar solución ós problemas existentes na provincia porque, de feito, as inversións reais previstas para este ano rebaixáronse un 6 por cento no orzamento consolidado e un 20% se se toma como referencia só a Deputación. Así, dixo que a débeda situase neste momento en 50 millóns de euros, dos que 25,5 millóns foron suscritos este ano, o que, ó seu enteder, “suporá hipotecar o futuro da institución”.
![]() |
RETRASO DAS OBRAS.- O voceiro dos populares na Deputación fixo fincapé en que o “oscurantismo e o interese partidista” que impera no goberno provincial ponse de manifesto no retraso que están a acumular as obras que quedaron consignadas do anterior goberno provincial, moitas delas recuperadas agora no plan extraordinario de obras. “Un plan, por certo, sobre o que aínda non se deu información específica sobre os concellos cos que se ían asinar os convenios nin as obras se van a acometer e que ímos coñecendo a medida que se van aprobando nas xuntas de goberno”.
Os populares ven, ademais, un claro favoritismo para os concellos gobernados por socialistas e nacionalista, tanto no que atinxe á financiación de obras como no reparto das subvencións directas de carácter excepcional. Sirva de exemplo que das obras novas adxudicadas en 2009, sen contar POS, canon e a reparación da rede viaria provincial, preto do 95 por cento dos 10,5 millóns consignados a este fin, foron a parar a municipios gobernados por socialistas e/ou nacionalistas. “Unha situación que sospeitamos vaise repetir ó peche do presente exercicio”, engadiu.
XESTIÓN PARTIDISTA. Non hai dúbida, por tanto, ó entender de José Manuel Barreiro de que PSOE e BNG está a empregar a Deputación con fines claramente “partidistas e clientelares” no que naturalmente non prima o interese xeral e menos aínda dar resposta ás necesidades reais dos concellos.
Salientou como exemplo deste “desinterese por promover o densevolvemento da provincia” o pouco que se ten avanzado na construcción dos novos parques industriais proxectados ou a “desatención” na que se atopa o rede viaria provincial.
Ademais, a estas alturas descoñécese o resultado acadado por iniciativas que no seu día publicitáronse amplamente dende a institución provincial, como é o caso da axencia pola enerxía ou o propio pacto provincial polo emprego, que rematará o vindeiro ano e que ten asignado un orzamento total de 3,4 millóns de euros. “Pouco se pode agardar si dos 1,2 millóns que corresponden á presente anualidade, o 23,6% adícase a premios, becas e pensións de estudantes e investigadores e o 38 por cento a gastos diversos”, indicou.
A Deputación bipartita tampouco se caracteriza por ser participativa. De feito, unha das promesas realizadas por José Ramón Gómez Besteiro no seu discurso de investidura, a convocatoria dunha conferencia de alcaldes e a celebración dun debate sobre o estado da provincia, non se cumpliu en tres anos de goberno.
DESENCONTRO. O voceiro popular tampouco pasou por alto “as continuas desavenencias” das forzas políticas que conforman o goberno provincial. “Foi notoria a diverxencia de concepto sobre o propio funcionamento e utilidade da administración provincial, a xestión do consorcio provincial de bombeiros, o convenio asinado co concello de Barreiros e mesmo sobre outras cuestións de intendencia como pode ser o reparto de axudas para as comunidades veciñais. O BNG abstívose á hora de aprobar as bases reguladoras e non asistiu á reunión da mesa de valoración celebrada recentemente”, explicou.
Uns desencontros do que, ó entender do GPPP, poñen de manifesto que non hai un proxecto común senón un matrimonio de conveniencia, unha coalición de intereses, un mero reparto de competencias e de fondos que cada un aplica pensando exclusivamente no seu respectivo rédito partidista.