Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR IMPULSA NO PARLAMENTO A CREACIÓN DUNHA RESIDENCIA PARA MAIORES NA FONSAGRADA

Santiago, 8 de xullo de 2010.- O Grupo Popular ven de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa na que se insta á Xunta de Galicia a continuar cos trámites e negociacións necesarias para promover a creación e posta en marcha dunha residencia para persoas maiores na Fonsagrada. Así o anunciou esta mañá o portavoz do Grupo, Manuel Ruiz Rivas, nunha rolda de prensa que ofreceu no transcurso da visita que os deputados do PPdeG, acompañados polo presidente provincial do partido, Xosé Manuel Barreiro, realizaron a este municipio lucense, dentro das actividades que os populares realizan regularmente fóra da Cámara, ao obxecto de manter un contacto máis directo co territorio e coas preocupacións dos cidadáns.

No encontro cos medios de comunicación, Ruiz Rivas lembrou que PSOE e BNG rexeitaron en 2008 unha iniciativa na que se reclamaba ao Bipartito a creación da residencia, para a que o actual Goberno concedeu xa 80.000 euros ao Concello, para a redacción do proxecto. Así mesmo, apuntou que na actualidade existen unhas instalacións pertencentes á Fundación Rois da Pena, presidida polo alcalde dese concello que, de ser cedidas, poderían ser empregadas, logo da correspondente reforma e habilitación, para albergar este novo centro de benestar.

O deputado fixo fincapé en que A Fonsagrada é un dos municipios “máis representativos do interior da provincia lucense”, no que se reflicte “de xeito moi especial” o problema demográfico que afecta en xeral a toda Galicia, co que presenta un continuado envellecemento da poboación, ao que se suman os efectos da dispersión poboacional. Unha situación ante a que, apuntou Ruiz Rivas, “cómpre desenvolver un gran esforzo na adopción de medidas que contribúan a atraer veciños e fixar poboación a través da dinamización económica e da xeración de emprego”, obxectivo sobre o que, a nivel de toda a Comunidade, “está a traballar o Goberno de Feijóo”.

FALTA DE INTERESE DO BIPARTITO.- Pero tamén, engadiu, “débense promover os servizos axeitados á realidade da existencia dun número considerable de persoas de idade avanzada”. Algo que o Bipartito “pareceu esquecer” en relación coa Fonsagrada, xa que “malia ter en principio prevista a creación da residencia, o certo é que non amosou interese real algún nin fixo nada para lograr a súa posta en marcha”.

Do mesmo xeito, o alcalde socialista do concello “foi ninguneado por un suposto Goberno amigo”, que non fixo nada por acadar esta infraestrutura tan necesaria. “Tivo que ser precisamente un Goberno do Partido Popular”, apuntou Ruiz Rivas, “o que leve a cabo os pasos necesarios para a creación desta residencia, pensando nos intereses dos cidadáns da montaña lucense e esquecendo cores políticas”. Unha iniciativa, engadiu o portavoz parlamentario do PPdeG, que “non só supón dotar de servizo necesarios a esa zona, senón que vai xerar empregos”. O deputado asegurou que o alcalde “só reaccionou cando desde a actual Xunta de Galicia se lle ofreceron solucións concretas”, o que demostra que “non tivo iniciativa propia” e que “está máis interesada a Xunta de Galicia nos cidadáns da Fonsagrada que o seu propio alcalde”.

Na súa visita á Fonsagrada, os membros do Grupo Popular mantiveron ademais unha xuntanza cos alcaldes e voceiros do PP da comarca, co obxectivo de recabar información sobre as principais necesidades da mesma e plantexar, no seu caso, iniciativas parlamentarias ao respecto.

“A Fonsagrada foi a gran esquecida do anterior Goberno da Xunta”, destacou Manuel Ruiz Rivas como conclusión da citada reunión. No obstante, o deputado avogou por “mirar cara adiante” e “recuperar o tempo perdido”, para o que “este Grupo, dentro das súas competencias, e estamos seguros de que tamén o actual Goberno, dedicarán os seus maiores esforzos”.