Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2010.- O vicepresidente do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, esixiu hoxe coñecer que fará o PSOE co portavoz socialista en Lourenzá, condenado a dous anos de prisión e inhabilitado para ocupar cargos públicos por falsificar a firma dunha compañeira de partido para forzar o seu cesamento. O tamén presidente do partido en Lugo cre que o edil socialista non debería manter un minuto máis a acta de concelleiro e debería ser, por tanto, apartado da disciplina do PSOE para evitar que pareza que os socialistas amparan e xustifican o delito.
Non vale con que dimita como concelleiro unha vez que foi inhabilitado: o PSOE debe apartalo do partido ou dicir que avala o que fixo.
Barreiro lembrou que o secretario provincial do PSOE, Ricardo Varela, xa se afanou en restar importancia aos actos do edil dicindo que se cometeron “de boa vontade”. Agora, o vicepresidente do PPdeG cre que Varela debe apostar por manter a vía da complicidade co condenado ou actuar dun modo sensato retirándolle o carné do PSOE.
Os socialistas poden apostar por arroupar a un concelleiro que se libra de ir ao cárcere por non ter antecedentes, e manter así unha tradición histórica do PSOE de apoiar aos delincuentes con carné do partido. A outra opción é que digan de inmediato que no PSOE non cabe a fraude e por tanto aparten aos que teñen por costume cometelos e son condenados por iso.
Tras amparar ao alcalde de Castro de Rei, deputado provincial e responsable de vías e obras na Administración, así como membro da executiva de Ricardo Varela, e que durmiu no calabozo por unha presunta trama urbanística, do mesmo xeito que a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, imputada na mesma causa e sobre cuxo asunto o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro negouse a dar as pertinentes explicacións políticas; tendo en conta o caso das multas de tráfico; e lembrando a trama de clubs de alterne, o PPdeG pregúntase a que espera o PSOE para iniciar unha limpeza en Lugo. Unha limpeza que debía empezar polo propio Ricardo Varela, implicado na trama agraria do PSOE e que entregou como conselleiro case dous millóns de euros a unha rede de asociacións pantasma que acababa transferindo os fondos ao sindicato agrario do propio PSOE.
Barreiro considera urxente que esa limpeza, como pouco, se inicie na mesma mañá explicando, polo menos, que van facer co edil condenado por falsificar documentos públicos e a firma dunha persoa, compañeira mesmo do seu propio partido.