Santiago, 6 de xullo de 2010.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia realizarán este xoves unha xornada de traballo na Fonsagrada, dentro das actividades que os parlamentarios do PPdeG desenvolven regularmente de contacto directo coa realidade dos concellos e comarcas galegas.
Encabezados polo seu portavoz, Manuel Ruiz Rivas, e polo presidente provincial do partido, Xosé Manuel Barreiro, os deputados visitarán o posible edificio para a creación dunha residencia de maiores, onde realizarán declaracións aos medios, e celebrarán unha xuntanza con cargos do PPdeG da comarca.
A dita xuntanza ten por obxectivo coñecer de xeito directo as necesidades e inquedanzas da comarca, a través dos plantexamentos que os alcaldes e voceiros do partido lles transmitan. Trátase dun traballo dirixido a recoller información para o seu estudio e, no seu caso, presentar iniciativas parlamentarias. Igualmente, os deputados exporánlle aos responsables do partido na zona propostas que o Grupo ten previsto defender na Cámara.