Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR CONSIDERA QUE A CREACIÓN DAS SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL SUPÓN UN PASO DECISIVO PARA FACER RENDIBLE O MONTE A TRAVÉS DUNHA XESTIÓN SOSTIBLE

Santiago, 6 de xullo de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular aplaude a creación por parte da Xunta das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), que foron presentadas onte polo conselleiro de Medio Rural e considera que esta nova figura supón un paso decisivo para facer rendible o monte a través dunha xestión sostible. A voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, autora da iniciativa aprobada polo Parlamento o pasado mes de febreiro para impulsar esta nova figura societaria, destaca que a súa creación “confirma que o Goberno de Feijóo cumpre os seus compromisos e os acordos emanados da Cámara”, e demostra “que a riqueza forestal de Galicia si é unha prioridade para este Goberno”.

Álvarez Chao lembra que as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) creadas polo Bipartito “non daban resposta ás necesidades plantexadas”, como o demostra o feito de que a día de hoxe non exista ningunha solicitude de constitución. As UXFOR, tal e como estaban plantexadas, “non resultaban axeitadas por razóns como o carácter intervencionista ou a natureza administrativa desa figura, cunha excesiva ambigüidade legal en cuestións procedimentais”, o que impedía contar “coas garantías xurídicas necesarias”.

CREACIÓN DE EMPREGO.- A voceira de Montes dos parlamentarios do PPdeG resalta que as SOFOR posibilitan a xestión conxunta das propiedades forestais, co que se dá unha solución aos problemas derivados do minifundismo e a atomización que caracterizan os montes galegos, dos que a meirande parte están en mans de 600.000 propietarios. Esas características freaban o aproveitamento da riqueza dos montes, sinala a deputada, para quen a obtención de rendas e a creación de emprego no rural constitúe un obxectivo principal dese aproveitamento.

Así mesmo, Álvarez destaca o carácter voluntario das SOFOR, fronte á condición de forzoso ata para 50% da propiedade que presentaban as UXFOR, así como o concepto de multifuncionalidade que a nova figura introduce en canto ás distintas posibilidades de aproveitamento da propiedade forestal.

“Os montes constitúen unha parte fundamental da riqueza de Galicia e un eixo importante de desenvolvemento social e económico”, apunta Emma Álvarez, quen ve na creación das SOFOR unha proba de que o Goberno galego “traballa en serio polo monte galego e polo aproveitamento sostible das súas potencialidades”, despois de catro anos “nos que o Bipartito non dou ningún paso en firme cara ese obxectivo”.