Partido Popular de Lugo

O GPPP afirma que o Innóvate chega tarde a algúns concellos gobernados polo Partido Popular

Lugo, a 3 de xullo de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular  afirmou hoxe que os alcaldes do PP non responden a cuestións partidistas senón que traballan pola defensa dos intereses dos seus veciños, e esa defensa atende, entre outras cuestións e sobre todo nestes tempos, a criterios de austeridade e de axilidade na xestión.

Indican os populares que dende a Deputación de Lugo afírmase que se van a gastar 300.000 euros por concello para dotalos da administración electrónica cando na gran maioría dos concellos do PP que cita o bipartito provincial xa teñen instalado este sistema e supuxo un custo que vai dende os 9.000 ós 20.000 euros.

Como queda patente, a austeridade non é o principio que rixe na Deputación, xa que están a falar de 300.000 euros por concello e dun montante global de máis de seis millóns de euros, polo que cabe preguntarse a que se adican exactamente estes cartos. Lembran os populares que eles xa denunciaran a adxudicación do Innóvate por excluir a empresas lucenses e porque supoñía unha contía excesivamente elevada.

O GPPP asegura que a Deputación, co programa Innóvate, chega tarde a concellos con alcaldes do PP, que se adiantaron considerablemente á aplicación do programa da Deputación. Así, concellos coma Barreiros, Trabada, Alfoz, Valadouro, Ourol e O Vicedo, en breve terán totalmente operativa a administración electrónica. Caso tamén significativo é o de Xermade, que hai dous meses que xa dispón deste servicio. E o custo para estes concellos oscilou, segundo recalcan, entre os 9.000 e os 20.000 euros.

Outros concellos, coma os integrados na Mancomunidade da Terra Cha, xa teñen implantada a administración electrónica desde hai máis dun ano cunha subvención do Plan Avanza, cun custo que non foi superior a 20.000 euros por concello, e mesmo están facendo cursos de formación para a utilización desta ferramenta por parte dos seus funcionarios.

O GPPP acusou ó bipartito provincial de non respectar a autonomía dos alcaldes: os alcaldes demostraron neste asunto celeridade na xestión, porque hai que lembrar que a administración electrónica debería estar implantada por lei o pasado 1 de xaneiro do presente ano.