Santiago, 1 de xullo de 2010.- O Centro de Saúde da localidade lucense de Foz conta desde hoxe cunha ambulancia medicalizada, seis meses antes da data inicialmente prevista pola Consellería de Sanidade que anunciaba a posta en servizo desta nova dotación antes de final de ano. As xestións dos populares e a boa disposición da Xunta, que estableceu como prioridade este cometido, fan posible que a ambulancia medicalizada estea en servizo durante o verán, período no que Foz duplica a súa poboación como consecuencia do turismo.
Os deputados José Manuel Balseiro e Emma Álvarez Chao, acompañados de concelleiros e dirixentes do Partido Popular de Foz amosaron en rolda de prensa a súa satisfacción por esta boa nova que “vén de materializar o compromiso da Xunta co reforzo da asistencia sanitaria nesta localidade e no conxunto da comarca da Mariña lucense”.
Os parlamentarios mariñaos explicaron que “o que outros prometeron e non cumpriron –en referencia a PSOE e BNG que durante o bipartito insistiron en que porían en marcha este servizo- un Goberno do PPdeG vén de facelo realidade”. De feito, indicaron que, despois dun primeiro ano na responsabilidade de Goberno da Xunta, no que desde o Grupo Popular “promovemos e xestionamos esta dotación” e durante o cal Sanidade “elaborou o estudo para comprobar os investimentos necesarios”, hoxe xa podemos dicir con satisfacción que é unha realidade.
RESOLVER OS PROBLEMAS DOS VECIÑOS.- José Manuel Balseiro, afondando nesta cuestión, quixo salientar tamén que, “mentres que outros, como por exemplo o Alcalde socialista de Foz, Jose María García Rivera, se están a dedicar á mobilización polo tema sanitario, o Partido Popular traballa para resolver os problemas dos veciños”. Pasamos “das palabras aos feitos”, “das promesas aos compromisos cumpridos” porque o primordial –explicou o deputado- “é que hoxe na Xunta hai un Goberno comprometido coa mellora da asistencia sanitaria pública para os veciños de Foz e do conxunto da comarca”.
MÁIS DE 900.000 EUROS DE INVESTIMENTO.- Ademais do novo vehículo, dotado da tecnoloxía máis avanzada para ofrecer o soporte vital básico aos doentes usuarios –o que antes se coñecía como unha UVI móbil- e do persoal sanitario e técnicos de apoio adscritos ao novo servizo (entre eles un médico e persoal paramédico de apoio), Sanidade tamén executou distintas obras para habilitar a base permanente desta ambulancia no Centro de Saúde desta localidade. O total dos investimentos superan os 900.000 euros.
Os parlamentarios fixeron unha relación das dotacións que incorpora a nova base da ambulancia medicalizada, sita no Centro de Saúde de Foz, que dispón de tres dormitorios, baños, un despacho con material informático disposto para labores administrativas, unha sala de estar e para xuntas, un almacén de material, e instalacións eléctricas varias así como servizos complementarios para a ambulancia.