Lugo, a 30 de xuño de 2010.- O Partido Popular de Lugo lamenta que o vicepresidente primeiro Antón Bao se sume á defensa da actitude oscurantista do presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro de negarse a dar explicacións sobre a investigación xudicial aberta sobre as presuntas irregularidades na concesión de obras detectadas no concello de Castro de Rei.
O PP, reiterando sempre o máis escrupuloso respeto á actuación xudicial e a obrigada presunción de inocencia, insiste con igual énfase en que o máximo responsable da Deputación debe asumir a súa responsabilidade política e explicar a situación na que se atopan destacados membros do seu equipo de goberno. Suliñan, a este respecto, que é un dato obxectivo que a vicepresidenta segunda Lara Méndez e o deputado Juan José Díaz Valiño están imputados e que é obligación do máximo responsable da administración provincial clarificar a súa situación.
Os populares advírtenlle a Bao que, como aspirante a ocupar a alcaldía de Lugo, non pode permitirse o luxo de aparecer ante a opinión pública como alguén que aplaude que non se den as pertinentes explicacions sobre un asunto tan grave, e puntualízanlle que non é o PP, senón o xulgado, o que imputa ós seus compañeiros de goberno.
Dende o Partido Popular enmarcan tamén nesta falta de transparencia que os partidos que conforman o goberno da Deputación de Lugo rexeitaran onte a proposta do Grupo Provincial Popular para constituir unha xunta de compras que, segundo salientan, redundaría en beneficio da mellor xestión dos fondos públicos da administración provincial.