Lugo, a 30 de xuño de 2010.- Lugo contará cun hospital público de vangarda, o máis moderno de Galicia, que non terá nada que envidiarlle ós existentes nas principais capitais do resto do Estado e incluso de Europa. O Partido Popular de Lugo valorou de xeito moi positivo a presentación desta infraestructura realizada onte polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo e a conselleira de Sanidade Pilar Farjas.
Os populares salientaron que, por fin, tras dez anos do inicio do proxecto e non poucas dificultades, xa se pode constatar, a tenor do visto onte, que Lugo disporá dun complexo hospitalario de primeira categoría e acorde cos avances do século XXI dende o punto de vista tecnolóxico e asistencial.
Valoran, neste contexto, a aposta decidida e sobre todo, pese os obrigados recortes que impón a crise económica existente, a implicación económica do goberno de Feijoo, que adicou máis de 30 millóns de euros á adquisición da máis moderna tecnolóxica, para converter en realidade a lexítima aspiración de Lugo de ser referente na prestación sanitaria pública. Entenden dende o PP que este proceder demostra de maneira inequívoca a aposta do goberno galego por Lugo e pola potenciación da súa área sanitaria.
Suliñan, con especial énfase, a integración do centro na rede galega de oncoloxía, o que conlevará unha mellora moi sustancial para todos os pacientes da provincia de Lugo, dado que por primeira vez na historia non terán que desprazarse a outras cidades para recibir o tratamento que precisen.
O carácter universitario do Lucus Augusti e a dotación de varios servicios, especialmente a gardería e o centro de día, que permitirán garantir a conciliación da vida laboral e familiar do persoal son outros dos aspectos salientados polos populares lucenses que, segundo indican, poñen de claro manifesto a sensibilidade social do goberno galego.
Dende o PP tamén chaman a atención sobre o valor engadido que, a maiores do sanitario, suporá para a cidade de Lugo a apertura do novo hospital como xerador de riqueza, un complemento nada desdeñable e máxime no actual contexto de crise económica.
Lamentan asimesmo que os que non foron capaces de consignar todos os cartos necesarios para converter en realidade este hospital se amosen agora molestos porque Lugo vaia a contar cunhas instalacións punteiras.