Partido Popular de Lugo

A piscina de A Pastoriza farase realidade con tres anos de retraso por interese partidista da Deputación, aseguran os populares

A Pastoriza, a 25 de xuño de 2010.- “Os veciños de A Pastoriza disporán dunha piscina con tres anos de retraso por capricho da Deputación que retrasou, sen ningunha xustificación, a execución da obra”.

Así o suliñaron hoxe sobre o terreo os deputados provincial José Manuel Yanes Ginzo e José María González Barcia e os concelleiros Arcadio López e Miguel Luaces, quenes se preguntaron a razón pola que unha obra aprobada en xunta de goberno en 2007 e con dotación orzamentaria nos exercicios 2007, 2008 e 2009, por importe total de 1.642.429 euros, vaise retrasar ata o 2011.  Suliñan ademais que se dá a curiosa circunstancia de que nos orzamentos do presente exercicio non se contempla ningunha partida para este fin, polo que a obra terá que iniciarse co remanente do pasado ano.

Os populares insistiron en que este retraso na execución do proxecto responde a intereses electoralistas porque non existía ningún impedimento para acometela no prazo inicialmente previsto e a súa realización, como refrenda a súa recuperación agora, era igual de necesaria hoxe como hai tres anos.

A demora sistemática e xeralizada de obras programadas polo anterior goberno provincial é, segundo recalcaron, unha practica que caracterizou ó goberno provincial durante os últimos tres anos. E para argumentalo botaron man doutra piscina municipal, neste caso no municipio de Begonte, tamén con convenio aprobado para a súa execución en 2007 e con dotación orzamentaria en tres anualidades por importe de 321.423 euros.