Santiago, 23 de xuño de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular vén de constatar no pleno de hoxe que tanto a PSOE como BNG só lles interese xerar falsas polémicas sobre sanidade tras rexeitar unha proposta de acordo presentada polos populares na que se insistía en garantir a autonomía e reforzo das áreas sanitarias da Mariña, O Barco, Monforte e O Salnés. Os deputados Miguel Santalices Vieira, Jose Manuel Balseiro Orol e Dámaso López Rodríguez insisten en que a única vontade das antigas forzas do bipartito é seguir enganando aos veciños das súas comarcas con falsos augurios sobre o desmantelamento dos hospitais, falsear datos e manipular informacións nun ámbito tan sensible como é o que afecta á saúde das persoas.
Co obxecto de pechar a polémica o Grupo Popular ofreceu ao resto das formacións políticas consensuar un acordo no que, sen necesidade de alterar o mapa sanitario -tal e como pretendía a iniciativa do BNG- o futuro xerente de cada unha destas áreas integrara baixo as súas competencias a xestión dos centros de saúde e da atención sociosanitaria –que antes dependían dunha xerencia provincial-, isto é, ampliara as competencias que na actualidade ten que se cinguen exclusivamente aos hospitais. Ao mesmo tempo, os populares buscaban que o acordo final garantira a plena autonomía dos xerentes destas áreas que, segundo expresaba o acordo proposto, dependerían directamente da Conselleira de Sanidade e da xerente do Sergas.
Nada disto valeu a PSOE e BNG que unha vez máis rexeitaron esta proposta “o que demostra que non teñen ningún interese en garantir a autonomía e reforzo dos servizos sanitarios nin na Mariña, nin no Barco, nin en Monforte, nin no Salnés. Tan só buscan continuar a polémica, introducir dúbidas na xente, incluso chegando a facer afirmacións tan ridículas como que Sanidade prevé desmantelar os hospitais comarcais”.
CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE.- Desde o Grupo Parlamentario Popular os deputados quixeron facer un novo chamamento á responsabilidade dos partidos da oposición para que depoñan a súa actitude porque “non todo vale” na política, “e moito menos enganar aos veciños”. Insisten en que a única intención do Goberno galego -como os feitos demostrarán- é a de potenciar a sanidade comarcal, e reforzar servizos e especialidades que se prestan nos hospitais do SERGAS. “Todo o contrario –explican- do que afirman socialistas e nacionalistas”. Santalices, Balseiro e Lopez insisten en que de ter adquirido este acordo no Pleno do Parlamento “porían fin, remataría a polémica, pero a socialistas e nacionalistas o único que lles interesa é levar aos veciños a mobilizacións, e colocar pancartas, xerar tensión, aínda que sexa con mentiras.”