Santiago, 18 de xuño de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular, a través do voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, vén de lamentar que o Goberno de Zapatero non teña rectificado a súa decisión de desmantelar o Centro de Prevención contra a Contaminación Mariña (CEPRECO) que tiña a súa base na torre de control do porto da Coruña. O Executivo socialista desprazou ata Madrid aos expertos que estaban a desenvolver o seu traballo na nosa comunidade coa vista posta no corredor marítimo de Fisterra, polo que pasan 40.000 buques ao ano e, entre eles aproximadamente 12.000 que transportan mercadorías perigosas.
CONTRADICIÓNS DO PSOE.- Unha vez máis ponse de relevo as contradicións do PSOE que vota no Parlamento de Galicia a favor da recuperación deste servizo e no Congreso dos Deputados rexeita a mesma iniciativa. “Os socialistas non son de fiar, non o son na nosa comunidade, e non o son en Madrid onde, parecen empeñados en adoptar decisións que van en contra dos intereses de Galicia”-concluíu Balseiro.
A IMPORTANCIA DESTE CENTRO.- Os populares que se interesaron por esta cuestión na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia celebrada no día de hoxe, coincidiron coa Xunta na importancia de que este tipo de servizos podan continuar prestándose desde Galicia, así como tamén adheríronse ás palabras do secretario xeral da Consellería do Mar, Francisco Vidal -Pardo, que subliñou a importancia do traballo que desenvolvía o CEPRECO, unha tarefa “importante e loable” polo que o seu traslado “supón un paso atrás na súa capacidade, pola distancia física e pola dificultade de traballo en común e de proximidade ao terreo”.
De feito o CEPRECO –segundo explicou Balseiro- tiña como obxecto converterse nun servizo de elite no control e investigación contra a contaminación mariña similar ao CEDRE francés, e este non está situado en París, senón na localidade de Brest, ao borde do mar, cerca do paso dos buques que surcan estas augas.
CAMBIO DE DISCURSO DO PSOE.- Balseiro lembrou que Galicia é a Comunidade onde se dispón dos mellores medios e existe unha maior conciencia para profundizar no que deben ser as medidas preventivas que axuden a evitar e paliar os danos producidos polos accidentes marítímos, nesta tarefa antes tamén coincidían con PSOE, máis os socialistas teñen demostrado que tan só o facían no pasado por cuestións electoralistas.
RECTIFICACIÓN DO GOBERNO.- Balseiro valora moi positivamente a intención da Xunta de volver a pedir ao Goberno central que rectifique, e que devolva esta estrutura a Galicia. “Demandamos a volta a Galicia do CEPRECO e facémolo non só nós e a Xunta, senón tamén outras personalidades e entidades de relevancia na análise dos accidentes mariños e das súas afeccións sobre a costa, caso do Observatorio do Litoral que está vinculado á Universidade”.