Partido Popular de Lugo

O PP DA MARIÑA ESPERA QUE LARA MÉNDEZ NON SEXA UN OBSTÁCULO PARA A COLABORACIÓN ENTRE AS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS NA REPARACIÓN DOS DANOS DO TEMPORAL

A Mariña, 17 de xuño de 2010.-  Os populares da Mariña consideran especialmente desafortunadas as críticas realizadas pola vicepresidenta da Deputación provincial Lara Méndez,  quen no día de onte censurou a visita do Presidente  da Xunta á Mariña. Desde o PP chaman á responsabilidade desta deputada provincial que nunha mostra do seu nerviosismo permanentemente confunde reiteradamente a súa posición institucional e emprega o cargo para efectuar críticas partidistas. Neste senso esperan que Méndez non sexa un  obstáculo para a colaboración entre as distintas administracións, porque os veciños non aceptarían que se antepuxeran os intereses políticos partidistas ás súas necesidades e á reparación efectiva dos danos. Os populares consideran tamén incomprensible que no  PSOE pode  sentar mal algo positivo para a nosa comarca como é que a Xunta dea unha resposta áxil e urxente a unha situación extraordinaria como a que tivo lugar co temporal de choivas.

O Partido Popular quixo lembrarlles tamén aos socialistas que, a diferenza do acontecido cando tivo lugar o ciclón Klaus, no que a xestión do Goberno bipartito se caracterizou pola improvisación e a falta de reacción, hoxe o novo Goberno de Galicia actuou ante o temporal de choivas con rapidez e eficacia, en atención á magnitude do sucedido, articulando de xeito inmediato as medidas precisas para facerlle fronte aos danos ocasionados e desenvolvendo a normativa necesaria para facer posible a mobilización de preto de 5 millóns de euros en axudas urxentes para concellos, particulares e empresas.

OPERATIVIDADE INMEDIATA.- Os populares sinalan que desde o primeiro momento –noite do 9 de xuño- a delegada territorial da Xunta, Raquel Árias, trasladouse á zona xunto con técnicos dos servizos de emerxencias autonómicos para coordinar todo o operativo  no que chegaron a participar máis de 200 persoas. Inmediatamente dous conselleiros, o de Presidencia, Alfonso Rureda, –que visitou os concellos o  día 10-  e o de Medio Ambiente, Agustín Hernández, -que mantivo unha xuntanza cos alcaldes un día despois do seu compañeiro de Goberno- supervisaron o  funcionamento dos servizos e fixeron unha primeira avaliación dos danos e do operativo despregado.

Segundo o PP o que de verdade lle molesta  aos socialistas é que ante este tipo de circunstancias tan extraordinarias os servizos da Xunta teñan dado unha resposta inmediata, porque esta situación contrasta co  acontecido cando PSOE e BNG estaban  no Goberno. Os populares insisten en que os dirixentes autonómicos non  viñeron como acontecía no  pasado para facerse unha foto, senón para coordinar operativos, supervisar danos e tomar decisións, como a  adiantada no día de onte polo Presidente da Xunta, e que hoxe vén de consumarse tras ser aprobado o decreto de axudas polo Consello de Goberno.

RESPONSABILIDADE E COOPERACIÓN.- Finalmente os  populares chaman á responsabilidade aos partidos  da oposición para que cada un deles, alí onde teñen responsabilidade de Goberno,  se sumen aos esforzos  que está a desenvolver o Executivo autonómico na recuperación das zonas afectadas polas choivas. Ao mesmo tempo lembra que o que os veciños queren escoitar dos políticos non son críticas baleiras de contido e acusacións sen fundamento, como as que protagonizan os socialistas, senón capacidade de entendemento, traballo e coordinación máxima entre Xunta, Deputación e Goberno central, para ofrecer unha resposta  axeitada e coa maior rapidez posible.