Santiago, 17 de xuño de 2010.- O Grupo Popular logrou hoxe, na Comisión de Asuntos Europeos, que o Parlamento aprobara por unanimidade a súa proposta de demandar ao Goberno do Estado que realice as últimas xestións para defender as prioridades galegas ante a UE, que foron acordadas pola Cámara o pasado 24 de novembro como obxectivos marcados para o período da Presidencia española do Consello da Unión Europea.
Cómpre resaltar que co seu voto favorable á iniciativa, os socialistas apoian a solicitude da Xunta ao Executivo de Zapatero de convocatoria do Grupo de Traballo de Asuntos Europeos e Acción Exterior creado a instancia do Goberno galego pola Comisión Bilateral de Cooperación Estado-Xunta o pasado 2 de febreiro. O dito Grupo, cuxa solicitude de convocatoria inclúese na proposición non de lei do PPdeG aprobada hoxe, constitúe para os populares o foro idóneo para facer balance dos avances e dos cumprimentos na defensa das prioridades de Galicia durante o semestre de Presidencia española.
A proposta dos populares inclúe tamén pedir ao Goberno central que realice un último esforzo ante a Unión Europea para que as instalacións do estaleiro de Navantia en Fene poidan dedicarse tamén á construción e á reparación de buques civís. Algo que o Grupo Popular considera especialmente relevante despois de que o comisario Joaquín Almunia declarara recentemente que o Executivo de Zapatero non tiña trasladado petición algunha nese sentido.
O deputado Daniel Varela lembrou que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en presentarlle ao Goberno español un documento de prioridades para este semestre, que lle foi entregado polo presidente da Xunta ao secretario de Estado para a Unión Europea en agosto do pasado ano, durante a súa visita institucional a Galicia. As prioridades nas que Galicia fixo maior fincapé céntranse no impulso das políticas de cohesión, a redefinición de políticas como a pesqueira e a agrícola, achegas nas políticas sanitarias, económicas e sociais e a petición de apoio na promoción e difusión do Xacobeo 2010.