Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE ESTUDIO DA SINESTRALIDADE MARÍTIMA E PARA A MELLORA DA SEGURIDADE NO MAR

Santiago, 8 de xuño de 2010.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa presentada polo Grupo Popular que insta á Xunta á creación dunha Comisión de Estudio da sinestralidade marítima e para a mellora da seguridade no mar. Na defensa da iniciativa, o voceiro de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, destacou que o mar cobrouse 39 vidas nos últimos 5 anos, que ascenden a 73 se se inclúen os falecementos en sinistros durante a xornada laboral no conxunto do sector, e incidiu na necesidade de artellar unha fórmula para “seguir traballando na procura dunha maior seguridade no mundo do mar”.

A iniciativa propón crear a comisión dentro do Consello Galego de Pesca, con carácter especial e non permanente estará dirixida a promover o debate e ofrecer solucións en relación cos sinistros e naufraxios, contando para elo coa participación  de expertos e de todo o sector. O obxectivo é “facer do mar un espazo de traballo máis seguro”, apuntou Balseiro, quen sinalou que a principal preocupación do sector pesqueiro son os naufraxios “pola gravidade das súas consecuencias, moitas veces mortais”.

A ese respecto, José Manuel Balseiro salientou que, malia os avances en técnicas de construción de buques pesqueiros e en dispositivos de seguridade a bordo, existe no sector a sospeita de que os novos deseños de barcos “parecen ser máis inestables en cuestións de carga”, o que está a xerar un debate que “supera a análise política”. Un receo estendido entre sindicatos, organizacións armadoras e produtores, que se acrecenta cos últimos naufraxios, “nos que aparecen barcos que envorcan nun mar no que as condicións meteorolóxicas non eran especialmente adversas”. O deputado explicou que, a pesar de que os barcos superan “probas de seguridade rigorosas” cando saen ao mar, a propia dinámica de traballo, as modificacións estruturais que poden sufrir os buques ao longo da súa vida útil e a confluencia de determinados aspectos adversos, “remata por mudar a estabilidade destas embarcacións”.

POTENCIACIÓN DA XESTIÓN DAS EMERXENCIAS MARÍTIMAS.- O debate que esta situación suscita “está sobre a mesa” e require “da participación de expertos e de todo o sector”, argumentou Balseiro, para quen cómpre “estudar con profundidade estas problemáticas como xa se ten efectuado noutros eidos como a seguridade viaria, algo que “debe constituír unha actividade preferente dos novos responsables da Administración galega”.

O voceiro de Mar dos populares resaltou a xestión realizada polo actual Goberno galego na potenciación e reforzo dos medios materiais e humanos do servizo de Gardacostas de Galicia, potenciando “o operativo que ten unha das súas razóns de ser na xestión das emerxencias marítimas”, para afirmar que “agora tamén cómpre realizar novos esforzos” na mellora da seguridade das embarcacións marítimas e pesqueiras. Unha tarefa na que o Grupo Popular considera necesario involucrar a administracións, confrarías, armadores, sindicatos e expertos no ámbito marítimo pesqueiro”.

Para tal fin, “nada mellor que aproveitar a estrutura dun órgano que xa existe”, salientou Balseiro en referencia ao Consello Galego de Pesca, “que xa agrupa a gran parte destes axentes e que ademais constitúe o principal órgano consultivo da Administración autonómica” na materia.